
Segundo explicou o presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, esta aplicación incorpora funcións como organizar a ruta do usuario sanitario ata o centro unha vez que pide unha cita médica, ou guiar ao usuario ata a sala de espera correspondente. Tamén servirá para compartir cos contactos do móbil que tamén usan a aplicación a posición dentro do hospital. A aplicación estará dispoñible tanto para dispositivos con Android como con iOS de Apple.
Feijóo suliñou que o sistema que dá soporte a esta aplicación incorpora varias innovacións tecnolóxicas, como un sistema de localización de alta precisión, e tamén un de cartografía de edificios cos mapas internos do hospital. O mandatario autonómico en funcións precisou que esta aplicación tamén será implantada no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
A Xunta investiu no desenvolvemento desta aplicación e de todos os sistemas vinculados preto de 315.000 euros. Os responsables da Xunta precisaron que por cada hospital no que se implante a maiores haberá que investir entre 10.000 e 25.000 euros en función do tamaño dos hospitais. No caso dos centros de saúde, o custo base será de 200 euros, ampliables segundo as dimensións de cada centro. A aplicación e os sistemas están sendo probados por grupos de usuarios, e a Xunta espera que estean accesibles a toda a cidadanía nos dous hospitais de Lugo e Vigo a finais de novembro.•