Aprobadas as actuacións do Plan Enerxético provincial por valor de 1,5 millóns de euros

• Este financiamento permitirá aos 66 concellos de menos de 20.000 habitantes acometer 100 actuacións para renovar ou instalar alumeados públicos, caldeiras de biomasa e illamentos térmicos

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, acompañado polo deputado Pablo Rivera, na presentación das axudas aprobadas pola Deputación de Lugo dentro do seu Plan Enerxético. GPDL.
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, acompañado polo deputado Pablo Rivera, na presentación das axudas aprobadas pola Deputación de Lugo dentro do seu Plan Enerxético. GPDL.
• Os concellos lucenses contan cunha nova achega da Deputación para reducir os seus gastos en materia de consumo enerxético, e contribuír ao equilibrio medioambiental e a sostibilidade.
ANTICIPO DE 1.350.000 EUROS PARA MAIOR AXILIDADE NA POSTA EN MARCHA DAS MELLORAS
A mediados de novembro, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou o montante global das axudas do Plan Enerxético para os Concellos, cun importe de 1,5 millóns de euros. Como vén sendo habitual na xestión das achegas a municipios e colectivos, o Goberno provincial vai ingresar un anticipo do 90% destas axudas ás entidades locais, o que suporá unha entrada nas arcas municipais nestes días de 1.350.000 euros. Segundo explicou o presidente da Deputación, Darío Campos Conde, na presentación do Plan Enerxético, o anticipo das axudas servirá para que os Concellos contraten e executen estes traballos de aforro e eficiencia enerxética coa máxima axilidade. Campos Conde precisou que o 10% restante aboarase aos municipios unha vez xustifiquen ante o organismo provincial o remate das actuacións.
ACTUACIÓNS QUE RESPONDEN ÁS NECESIDADES EXPRESADAS POR CADA CONCELLO
Segundo informaron os responsables provinciais, as actuacións aprobadas pola Xunta de Goberno da Deputación responden ás necesidades detectadas polos propios concellos. En concreto, as axudas do Plan Enerxético provincial permitirán aos municipios acometer 61actuacións de mellora no alumeado público, 30 instalacións de caldeiras de biomasa, e 9 illamentos térmicos en dependencias públicas municipais.
CRITERIOS DE DISTRIBUCIÓN DOS FONDOS
En canto á distribución dos fondos nos 66 concellos adheridos ao Plan Enerxético provincial, a Deputación aplicou os criterios que está a ter en conta nos últimos plans e programas de cooperación municipal. Así, os baremos empregados para o reparto dos importes tiveron en conta a superficie do municipio, a densidade de poboación, os núcleos poboacionais, e o esforzo fiscal. Segundo este planteamento, cada concello percibirá entre 16.000 e 46.000 euros.
IMPORTANTES AFORROS PARA OS CONCELLOS NA FACTURA DA LUZ E DA CALEFACCIÓN
En canto ao aforro que suporán as melloras financiadas polo Plan Enerxético, dende a Deputación estiman que os arranxos na rede de alumeado público permitirán baixar o recibo municipal da luz en máis dun 20% anual. Na mesma liña, a instalación de caldeiras ou estufas de biomasa para a calefacción suporán unha baixada do 40% no gasto térmico anual. Así mesmo, os illamentos térmicos van permitir rebaixar nun 10% o custe anual na factura da calefacción.
Dende a Deputación destacaron que o Plan Enerxético é unha aposta persoal do presidente, Darío Campos Conde. O mandatario provincial, que tamén é alcalde da Pontenova, coñece «o importante esforzo económico que supón para os concellos asumir os necesarios custes enerxéticos». Os responsables provinciais insistiron na importancia das medidas do Plan Enerxético, tendo en conta que, para un concello de menos de 5.000 habitantes, a media do gasto só do recibo da luz é de 200.000 euros ao ano.•

REPARTO DOS FONDOS DO PLAN ENERXÉTICO NAS COMARCAS DE CHANTADA, LEMOS E QUIROGA

• O Plan Enerxético destina 155.498,12 € aos concellos das comarcas de Chantada, Quiroga e Lemos:
BÓVEDA: 16.977,61 €; melloras no alumeado público en Bóveda, Rubián e A Áspera. CARBALLEDO: 24.813,43 €; melloras no alumeado público na Barrela e no Furco. CHANTADA: Dúas partidas: 2.468,40 €; melloras no alumeado público da Piscina Municipal e na Residencia de Día; 28.962,56 €; substitución dunha caldeira de gasoil por unha nova de biomasa no Centro de Día do Concello. MONFORTE DE LEMOS: 31.529,85 €; melloras na rede de alumeado público. PANTÓN: 25.932,84 €; melloras no alumeado público en Galegos e Freixedo. A POBRA DO BROLLÓN: 19.216,42 €; melloras no alumeado público en Ferreirúa e Pacios de Veiga. QUIROGA: 22.574,63 €; melloras no alumeado público na Seara, San Xulián de Abaixo e Carballo de Hospital. RIBAS DE SIL: 15.858,21 €; calefacción da antiga casa do Concello e Centro Médico. O SAVIÑAO: 29.291,05 €; melloras no alumeado público de Escairón. SOBER: 25.932,84 €; melloras no alumeado público de Gundivós. TABOADA: 24.813,43 €; melloras na rede de alumeado público.•

•Actuacións do Plan Enerxético na comarca de Sarria

• Os Concellos da comarca de Sarria van dispoñer dun total de 151.248,29 euros en axudas da Deputación para acometer diversas medidas de aforro enerxético.
ACTUACIÓNS SOBRE TODO NO ALUMEADO PÚBLICO
O Concello do Incio recibirá 21.455,22 euros para aplicar lousado con illamento térmico no local social de Lebón, así como no local social de Erixalba. En Láncara, a achega provincial de 22.574,63 euros adicarase a melloras na rede de alumeado público da praia.
Pola súa banda, os 21.455,22 euros que o organismo provincial destina ao municipio de Paradela irán para melloras na rede de alumeado público na Rúa Cabaleiros de Santiago. No Páramo, adicaranse os 19.163,98 euros para melloras na rede de alumeado público. As actuacións en Samos financiaranse cunha achega provincial de 20.335,82 euros, e consistirán en melloras na rede de alumeado público no pobo de Aián e no pobo de Castroncán. O Concello de Sarria tamén destinará a axuda provincial do Plan Enerxético a mellorar o alumeado público, con 31.529,85 euros. En Triacastela, as melloras do alumeado público concentraranse  na rede da Praza da Deputación, cunha achega provincial de 14.733,57 euros.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Todos contra a violencia de xénero

Seguinte Nova

Recoñecemento ao traballo de innovación social e territorial do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: