O programa provincial Ben Empregado 3 rexistrou 181 solicitudes de empresas e colectivos do sur de Lugo

• No total da provincia, o programa de emprego impulsado pola Deputación recibiu 765 solicitudes • Ofrece a entidades e empresas axudas económicas para contratar novo persoal

O Goberno provincial puxo en marcha a terceira edición do programa Ben Empregado co obxectivo de xerar novos postos de traballo. GPDL.
O Goberno provincial puxo en marcha a terceira edición do programa Ben Empregado co obxectivo de xerar novos postos de traballo. GPDL.
• A terceira edición do programa provincial Ben Empregado vén de rexistrar un total de 765 solicitudes por parte de empresas e colectivos sociais sen ánimo de lucro da provincia. Destas, un total de 181 corresponden ao sur de Lugo, sumando as solicitudes formalizadas dende as comarcas de Sarria, Chantada, Lemos e Quiroga.
VARIAS LIÑAS DE AXUDAS
Esta iniciativa, posta en marcha polo Goberno da Deputación, ofrece axudas económicas para contratar novos traballadores. O organismo provincial destinou ao Ben Empregado 3 un total de 2,3 millóns de euros. As axudas están distribuídas en tres liñas, segundo o tipo de solicitante e as características dos candidatos aos postos de traballo.
Por unha banda, o programa Ben Empregado 3 ofrece  axudas a empresas para que contraten a desempregados lucenses, e nas que a Deputación sufraga o 50% dos gastos laborais dos novos traballadores. Esta liña recibiu un total de 490 solicitudes
Por outra banda, o programa conta con axudas que sufragan o 100% dos gastos laborais. Neste caso, van dirixidas a empresas que contraten a desempregados lucenses con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral. Esta liña, que os responsables provinciais consideran “unha clara aposta pola integración social”, rexistrou 143 solicitudes.
O Ben Empregado 3 tamén sufraga o 100% dos custes laborais dos novos traballadores que sexan contratados por colectivos sociais sen ánimo de lucro. Neste apartado, foron 132 as solicitudes rexistradas.
SOLICITUDES NO SUR DE LUGO
No sur de Lugo, este programa de emprego provincial acadou 181 solicitudes, das que 94 corresponden á comarca de Sarria, e as 87 restantes repartíronse entre as comarcas de Chantada, Lemos e Quiroga.
Na comarca de Sarria, as solicitudes foron presentadas por empresas e colectivos domiciliados nos concellos de O Incio, Láncara, Paradela, O Páramo, Sarria e Triacastela. Por liña de axuda, houbo 73 solicitudes de empresas para contratar desempregados, 15 para contratar a desempregados con capacidades diferentes ou en risco de exclusión, e 6 enviadas por colectivos sen ánimo de lucro para realizar novas contratacións.
Nas comarcas de Chantada e Quiroga, rexistráronse solicitudes procedentes de todos os municipios. No caso de Lemos, O Saviñao foi o único municipio do que non chegaron solicitudes. No total das tres comarcas, foron 51 as peticións de empresas para contratar persoas en situación de desemprego, e 20 para contratar desempregados con capacidades diferentes ou en risco de exclusión. Por último, houbo 16 solicitudes por parte de entidades sen ánimo de lucro.•

• O BEN EMPREGADO 3, EN CIFRAS

PRAZOS DE RESOLUCIÓN
•A Deputación ten previsto, entre finais deste ano e principios do 2017, publicar a lista definitiva de empresas e colectivos beneficiados coas achegas do programa
•Tamén a finais de 2016 e principios de 2017 vanse publicar os perfís laborais que requiren as empresas e colectivos beneficiados, e abrirase o prazo de solicitude dos novos postos de traballo só para desempregados da provincia
CONDICIÓNS E OBRIGAS DAS EMPRESAS E COLECTIVOS
•Quedan excluídas da terceira edición do Ben Empregado aquelas empresas e colectivos que resultaran beneficiados nalgunha das edicións anteriores, e non contratasen aos traballadores que lles subvencionou a Deputación durante un ano, unha vez que deixaron de percibir a achega provincial
•Nas candidaturas ás achegas do Ben Empregado 3 valoráronse positivamente as propostas que inclúan melloras na contratación respecto aos convenios do sector (medidas de conciliación, contratación indefinida, formación…)
•Estas cláusulas sociais deberán incluirse nos contratos dos novos traballadores
•As empresas e colectivos perderán a subvención do Ben Empregado 3 se non cumplen as cláusulas sociais. Ademais, deberán notificar e xustificar documentalmente na Deputación o ingreso das nóminas durante os primeiros 10 días de cada mes
CONTÍA DAS AXUDAS
•Ata un máximo de 22.000 euros, pero sen límite no número de traballadores •Con este importe as empresas e colectivos poderán sufragar (nun 50% ou nun 100%, según a liña da axuda) os gastos laborais dos novos contratados.

•Ben Empregado 3, un programa máis social e integrador

• Esta edición do programa Ben Empregado afianza os aspectos sociais e de integración na creación de novos postos de traballo. En canto á inserción laboral de persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral, a Deputación elaborou un censo con máis de 300 perfís profesionais, que serán trasladados ás empresas e entidades beneficiarias, para facilitar a súa contratación.
SERVIZO DE INTERMEDIACIÓN
Así mesmo, o Ben Empregado 3 presenta unha novidade de cara á integración dos traballadores. O organismo provincial porá en marcha un Servizo de Intermediación Laboral para axudar a estes novos traballadores a integrarse nas empresas e colectivos nos que sexan contratados.
EQUIPAMENTO ESPECÍFICO
Unha segunda novidade do Ben Empregado 3 é que a Deputación vai custear o equipamento que sexa necesario para que as persoas con capacidades diferentes poidan desenvolver o seu traballo.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Máis galardóns para os viños da Ribeira Sacra

Seguinte Nova

Campos Conde propón subir os soldos dos bombeiros de Lugo para igualalos cos de Ourense

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

     
A %d blogueros les gusta esto: