•O equipo redactor do Plan Especial do Casco Histórico presentou os seus avances aos grupos municipais
• A primeiros de mes, tivo lugar no Concello de Monforte a primeira reunión dos representantes dos grupos municipais co equipo redactor do Plan Especial do Casco Histórico. Na xuntanza, explicáronse as liñas xerais e o contido do documento enviado á Consellería de Medio Ambiente, como paso necesario para iniciar o trámite medioambiental, previo á tramitación municipal. O equipo redactor trasladou os datos extraídos do traballo de campo, no que se amosa o estado das edificacións do Casco Histórico de Monforte, declarado Ben de Interese pola Xunta de Galicia, así como as súas necesidades de rehabilitación, conservación e habitabilidade.
Segundo explicaron os responsables do estudo de campo, o Plan Especial do Casco Histórico inclúe 1.180 edificios e preto de 240 parcelas sen edificación. Destes edificios, o 73% son anteriores a 1960, e o 27% restante son considerados edificios novos dende o punto de vista do Plan, polo que quedarían fóra da súa competencia.
Dos edificios afectados pola acción do Plan Especial, preto de 300 están desocupados, e outros 30 considerados novos tamén están baleiros. Esta situación repercute na conservación xeral, xa que boa parte deles están en moi mal estado.
En canto a vivendas, o Plan identificou 1.704, das que 700 son unifamiliares e 1.000 colectivas. O nivel de desocupación é superior ao 40%, o que supón case o doble da media de vivendas desocupadas no municipio segundo o censo de 2011.
En canto á poboación, no Casco Histórico vive actualmente máis do 11% da poboación da cidade, e o 9,8% da do total do municipio. No casco, a poboación diminuiu nun 25% entre os anos 2000 e 2015, afectando sobre todo á zona dos Abeledos e Ramberde, que perderon o 35% da súa poboación.•