O Concello de Monforte comezou a mellora da iluminación dos barrios da cidade

As obras empezan no barrio de Cobas, no polígono do Reboredo e na entrada da rúa Francisco Moure

O Concello de Monforte de Lemos está a iniciar a mellora da iluminación nas rúas da cidade. (Arquivo EC).
O Concello de Monforte de Lemos está a iniciar a mellora da iluminación nas rúas da cidade. (Arquivo EC).

O Concello de Monforte de Lemos vén de iniciar varias actuacións de mellora da iluminación nos barrios da cidade. Segundo explicou o alcalde, José Tomé, os traballos comezarán no barrio de Cobas, na entrada á rúa Francisco Moure e no polígono do Reboredo. «Estas medidas son unha clara aposta deste equipo de Goberno por mellorar a iluminación da cidade», destacou Tomé, quen sinalou a aposta do seu mandato polos barrios e a industria. «Queremos que Monforte teña máis luz, e que sexa unha cidade ben iluminada e alegre».

O rexedor local explicou o detalle dos primeiros arranxos que se van realizar. No que respecta ao barrio de Cobas, substituirase o cadro de mandos e un total de 28 luminarias, nas rúas de Cobas, da Gardería, Tomás Vázquez e rúa do Río. As novas lámpadas incorporan tecnoloxía LED, de baixo consumo e alta calidade lumínica, ademais de contar cun programador de luz para ir graduando a intensidade, e estar protexidas fronte a posibles oscilacións da tensión eléctrica.

No polígono industrial do Reboredo, vaise proceder á revisión do cadro de mandos, actualizando os seus compoñentes. Asimesmo, instalaranse 18 novas luminarias dende a estrada da Deputación ata o enlace das rúas 1, 2 e 3. O alcalde precisou que as necesidades de iluminación desta área industrial son maiores, debido a que as rúas son abertas, polo que as novas lámpadas terán máis potencia que as instaladas noutras zonas da cidade. Pola súa banda, na zona da Compañía, no inicio da rúa Francisco Moure, instalaranse dúas novas luminarias.

O alcalde de Monforte de Lemos destacou as melloras económicas e medioambientais derivadas destas medidas. Os novos equipamentos lumínicos suporán un aforro enerxético e económico de case o 70%, ademais de reducir as emisións contaminantes á atmósfera. O custe das obras, que estarán a cargo dunha empresa monfortina, é de 33.775 euros.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O programa DepuEmprego xa dá traballo a 97 persoas na provincia de Lugo

Seguinte Nova

Sober estrea unha aula de informática e outra multimedia para formación e lecer

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

   
A %d blogueros les gusta esto: