O Concello anunciou unha programación completa nestes espazos para públicos de todas as idades
Sober abre o ano estreando instalacións relacionadas coas novas tecnoloxías. O día 2 de xaneiro, o alcalde, Luis Fernández Guitián, inauguraba a nova aula de informática, que esa mesma tarde acollía o primeiro dos eventos formativos, pensados para todos os públicos. Rapaces e rapazas de máis de sete anos foron os protagonistas da inauguración funcional deste novo espazo, participando nun obradoiro de Scratch.
ACTIVIDADES PARA NENOS E ADULTOS NA NOVA AULA DE INFORMÁTICA
A aula de informática, situada no Centro Sociocultural da capitalidade, dispón de 10 postos para os usuarios e un equipo para o docente, ademais de impresora e proxector. Neste espazo, está previsto desenvolver obradoiros de informática, totalmente gratuítos, para nenos e nenas os venres a partir das 16,30 horas, incorporando actividades relacionadas coa tecnoloxía. Os responsables deste servizo están a traballar para poñer en marcha un blog, no que participarán os propios alumnos, dando conta das aprendizaxes e experiencias que irán realizando nos obradoiros. A programación da aula de informática de Sober incluirá actividades formativas para adultos, sobre informática básica, redes sociais, ou os diversos usos do smartphone, entre outros temas. O programa completarase con faladoiros tecnolóxicos pensados para nenos e adultos.
VIDEOXOGOS E MOITO CINE NA AULA MULTIMEDIA DE SOBER
O equipamento tecnolóxico que estrea Sober este ano inclúe unha aula multimedia, que conta con dous televisores, un deles integrado cun sistema de teatro na casa, e dúas consolas de videoxogos. A programación que se vai desenvolver neste espazo integra proxeccións de documentais, películas, xornadas de cine e xogos para os máis cativos.
O alcalde de Sober explicou que estas novas dotacións van servir para que o municipio soberino sexa considerado como Aliado Dixital no Plan de Inclusión Dixital de Galicia, deseñado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Fernández Guitián puntualizou que o Concello xa está a xestionar a tramitación necesaria para que Sober participe nos programas formativos e de divulgación que a AMTEGA desenvolve periodicamente. O rexedor soberino destacou que a adhesión de Sober a este Plan Dixital axudará «á mellora dixital a nivel local, proporcionando á cidadanía as aptitudes dixitais que lles permitan facer pleno uso das tecnoloxías para aumentar a súa empregabilidade e favorecer a súa inserción social».
Estas novas aulas de Sober estarán abertas pola mañá de 10 a 13 horas, de martes a mércores. O horario de tarde será de 16 a 19 horas os martes e mércores, e de 16 a 18 horas os venres.