Sober estrea unha aula de informática e outra multimedia para formación e lecer

O Concello anunciou unha programación completa nestes espazos para públicos de todas as idades

A nova aula de informática de Sober entrou en servizo o 2 de xaneiro. (Foto cedida).
A nova aula de informática de Sober entrou en servizo o 2 de xaneiro. (Foto cedida).

Sober abre o ano estreando instalacións relacionadas coas novas tecnoloxías. O día 2 de xaneiro, o alcalde, Luis Fernández Guitián, inauguraba a nova aula de informática, que esa mesma tarde acollía o primeiro dos eventos formativos, pensados para todos os públicos. Rapaces e rapazas de máis de sete anos foron os protagonistas da inauguración funcional deste novo espazo, participando nun obradoiro de Scratch.

ACTIVIDADES PARA NENOS E ADULTOS NA NOVA AULA DE INFORMÁTICA

A aula de informática, situada no Centro Sociocultural da capitalidade, dispón de 10 postos para os usuarios e un equipo para o docente, ademais de impresora e proxector. Neste espazo, está previsto desenvolver obradoiros de informática, totalmente gratuítos, para nenos e nenas os venres a partir das 16,30 horas, incorporando actividades relacionadas coa tecnoloxía. Os responsables deste servizo están a traballar para poñer en marcha un blog, no que participarán os propios alumnos, dando conta das aprendizaxes e experiencias que irán realizando nos obradoiros. A programación da aula de informática de Sober incluirá actividades formativas para adultos, sobre informática básica, redes sociais, ou os diversos usos do smartphone, entre outros temas. O programa completarase con faladoiros tecnolóxicos pensados para nenos e adultos.

A aula multimedia de Sober ofrecerá proxeccións de cine e uso de materiais interactivos. (Foto cedida).
A aula multimedia de Sober ofrecerá proxeccións de cine e uso de materiais interactivos. (Foto cedida).

VIDEOXOGOS E MOITO CINE NA AULA MULTIMEDIA DE SOBER

O equipamento tecnolóxico que estrea Sober este ano inclúe unha aula multimedia, que conta con dous televisores, un deles integrado cun sistema de teatro na casa, e dúas consolas de videoxogos. A programación que se vai desenvolver neste espazo integra proxeccións de documentais, películas, xornadas de cine e xogos para os máis cativos.

O alcalde de Sober explicou que estas novas dotacións van servir para que o municipio soberino sexa considerado como Aliado Dixital no Plan de Inclusión Dixital de Galicia, deseñado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Fernández Guitián puntualizou que o Concello xa está a xestionar a tramitación necesaria para que Sober participe nos programas formativos e de divulgación que a AMTEGA desenvolve periodicamente. O rexedor soberino destacou que a adhesión de Sober a este Plan Dixital axudará «á mellora dixital a nivel local, proporcionando á cidadanía  as aptitudes dixitais que lles permitan facer pleno uso das tecnoloxías para aumentar a súa empregabilidade e favorecer a súa inserción social».

Estas novas aulas de Sober estarán abertas pola mañá de 10 a 13 horas, de martes a mércores. O horario de tarde será de 16 a 19 horas os martes e mércores, e de 16 a 18 horas os venres.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Concello de Monforte comezou a mellora da iluminación dos barrios da cidade

Seguinte Nova

O Círculo Saviñao organiza dende mediados deste mes un novo ciclo de conferencias

Últimas noticias sobre CULTURA

   
A %d blogueros les gusta esto: