•O Conselleiro de Política Social mantivo este mes unha reunión co alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián
• A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, vén de reforzar o servizo de axuda no fogar a dependentes no Concello de Sober. Deste xeito, esta prestación experimentou un incremento de 240 horas ao mes, sumando un total de 19.104 horas ao ano, o que supón unha cobertura de atención ás persoas con autonomía limitada superior ao 94% neste municipio do sur de Lugo. Estes datos foron ofrecidos logo da reunión que mantivo o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, co alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, dentro da rolda de contactos que está a realizar o titular autonómico cos rexedores locais. Segundo lembrou Rey Varela, estes contactos buscan avanzar, dende a colaboración e o consenso, nas liñas de actuación en materia social para atender ás persoas e familias máis vulnerables.
“O obxectivo é conseguir todas as melloras posibles na calidade de vida das familias e das persoas dependentes”,. salientou Rey Varela, “para o que continuamos a incorporar de maneira progresiva a máis persoas aos diferentes servizos que integran o sistema autonómico de atención”. Por outra banda, o conselleiro destacou a importancia da colaboración entre Xunta e Concellos, “a prol dunha política social axeitada ás necesidades actuais”.•