A Ribeira Sacra brillou con luz propia no stand de Galicia en FITUR 2017

• O Consorcio de Turismo presentou as actuacións promocionais máis espectaculares do pasado ano, e adiantou as novidades que ten en marcha para os vindeiros meses

• O stand de Turismo de Galicia en FITUR rexistrou un máximo histórico de afluencia, ao recibir 75.500 visitantes

O presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, presentou as actuacións máis novidosas que realiza esta entidade, coa Axencia de Turismo de Galicia. Na imaxe, proxección en FITUR dos vóos promocionais en globo presentados a mediados do ano pasado polo Consorcio, que ofrecen vistas panorámicas da cidade de Monforte de Lemos e a súa contorna, entre outras paisaxes da Ribeira Sacra. (Foto cedida: CTRS).
O presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, presentou as actuacións máis novidosas que realiza esta entidade, coa Axencia de Turismo de Galicia. Na imaxe, proxección en FITUR dos vóos promocionais en globo presentados a mediados do ano pasado polo Consorcio, que ofrecen vistas panorámicas da cidade de Monforte de Lemos e a súa contorna, entre outras paisaxes da Ribeira Sacra. (Foto cedida: CTRS).

• O 18 de xaneiro, tivo lugar no stand de Galicia na Feira Internacional de Turismo (FITUR) 2017 a presentación das actividades promocionais que está a desenvolver o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia.
Á fronte da presentación estivo o presidente do Consorcio, Luis Fernández Guitián, coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Tamén asistiron ao acto adicado á Ribeira Sacra o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde; o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; e o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, entre outras autoridades.
Segundo explicaron os responsables do Consorcio de Turismo, a entidade está a promover diversas actividades  “de carácter innovador, e que manteñan vivo o interese de todas as persoas pola Ribeira Sacra a curto medio e largo prazo”. Esta estratexia está xustificada polo “momento de trascendencia no que nos atopamos, co compromiso e o respaldo popular e de todas as institucións a nivel autonómico e estatal coa candidatura de Ribeira Sacra para ser declarada Patrimonio da Humanidade”.
Dende o Consorcio explicaron que este foi o eixo que guiou a elaboración e posta en marcha das novidosas actividades incorporadas á programación nos últimos meses. Estas accións están pensadas para públicos específicos, de todas as bandas de idade, poñendo en valor de xeito lúdico e sostible os recursos naturais e monumentais da Ribeira Sacra.

Na presentación das actividades promocionais da Ribeira Sacra, asistiron o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o presidente do Consorcio, Luis Fernández Guitián; o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde; e o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, entre outros. GPXG.
Na presentación das actividades promocionais da Ribeira Sacra, asistiron o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o presidente do Consorcio, Luis Fernández Guitián; o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde; e o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, entre outros. GPXG.
XOGO DE MESA PARA ESCOLARES
Nesta liña, unha das accións postas en marcha polo Consorcio de Turismo foi a denominada “Move Ficha pola Ribeira Sacra”, dirixido ao público infantil. A actividade consiste nun xogo de mesa baseado nos diferentes recursos naturais, culturais, patrimoniais e etnográficos da zona, co fin de potenciar, de xeito ameno e participativo, o coñecemento do territorio entre os máis cativos. A estratexia do Consorcio para divulgar este xogo iniciaríase nos 17 colexios de Educación Primaria dos municipios que integran a Ribeira Sacra, para despois continuar a promoción nunha selección aleatoria de centros por toda Galicia.
APRENDER A RIBEIRA SACRA XOGANDO
Segundo explicaron os responsables desta iniciativa, a actividade nos colexios ocuparía unha xornada matutina. En primeiro lugar, os monitores enviados polo Consorcio desenvolverían unha presentación explicativa, con apoio de material audiovisual, das principais características e valores da Ribeira Sacra. A continuación, traballaríase sobre os mesmos contidos dun xeito lúdico, botando man do xogo de mesa especialmente deseñado para este fin.
Na imaxe pode verse unha mostra dos materiais promocionais que foron distribuídos en FITUR 2017 para promover a Ribeira Sacra como destino turístico. (Foto cedida: CTRS).
Na imaxe pode verse unha mostra dos materiais promocionais que foron distribuídos en FITUR 2017 para promover a Ribeira Sacra como destino turístico. (Foto cedida: CTRS).
MURALIZACIÓN CONTRA O FEÍSMO
Outra das actividades desenvolvidas polo Consorcio nos últimos meses, e que xa presentara na pasada edición de FITUR, foi “Un toque de cor na Ribeira Sacra”. Esta actuación supuxo a muralización artística de diversos elementos urbanísticos etiquetados baixo a denominación de “feísmo”. Un total de 10 novo murais engadíronse a este proxecto, ata sumar 38 deseños espallados pola Ribeira Sacra, ademais de acometer unha intervención integral no entorno de Os Peares-Estación, con máis de 1.000 metros cadrados decorados con murais ao longo de edificacións deste núcleo que presentaban un importante deterioro.
OS VÓOS EN GLOBO, A ACTUACIÓN ESTRELA
Por último, o Consorcio de Turismo presentou a que foi a actuación estrela nas accións promocionais desenvolvidas recentemente. Baixo a denominación “Pasaporte á nubes de Ribeira Sacra”, a actividade buscaba premiar a presenza de visitantes na zona cun sorteo de viaxes en globo. Dende mediados de maio ata mediados de setembro, os visitantes da Ribeira Sacra puideron solicitar o seu Pasaporte nas Oficinas de Turismo e nos aloxamentos, e no que deberían presentar un mínimo de 8 selos para participar no sorteo de 36 vóos para dúas persoas, valorados en 500 euros.
A RIBEIRA SACRA SABE POTENCIAR OS SEUS RECURSOS ESPECÍFICOS
Os atractivos da Ribeira Sacra tamén foron postos en valor polo delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, que estivo presente no stand de Galicia en FITUR 2017. Balseiro destacou á Ribeira Sacra como un xeodestino “que basea a súa oferta na calidade e no seu patrimonio natural e cultural, e potencia os recursos propios, como o viño”. O delegado da Xunta en Lugo afirmou que a Ribeira Sacra “ten cada vez máis peso no mapa turístico de Galicia”, como reflicten as cifras rexistradas o ano pasado. En 2016, o número de visitantes que se achegou á Ribeira Sacra medrou nun 6,6% respecto ao ano anterior, así como o número de pernoctacións, que aumentou nun 7%.
O delegado territorial da Xunta en Lugo lembrou que, en total, entre xaneiro e novembro do 2016 visitaron a Ribeira Sacra 156.662 persoas e computáronse 267.051 pernoctacións.
No centro da imaxe, o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, participou, xunto ao presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, no acto de promoción que desenvolveu en FITUR o organismo provincial. GPDL.
No centro da imaxe, o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, participou, xunto ao presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, no acto de promoción que desenvolveu en FITUR o organismo provincial. GPDL.
REIVINDICACIÓN PROVINCIAL DAS POTENCIALIDADES DA RIBEIRA SACRA
No stand de Galicia en FITUR 2017 tivo presenza a Deputación de Lugo, promocionando os diferentes atractivos turísticos da nosa provincia na xornada do día 19, dando a coñecer a nova campaña titulada “Lugo Cambia”. O titular do organismo provincial, Darío Campos Conde, estivo acompañado polos representantes dos xeodestinos que engloba a provincia: A Mariña, Ancares-Courel, Lugo-Terra Chá e Ribeira Sacra. Nesta presentación conxunta, os responsables provinciais reivindicaron as potencialidades que ten a provincia de Lugo para converterse nun “xusto” referente turístico no país.
Campos Conde reivindicou así mesmo as potencialidades do espazo natural da Ribeira Sacra para ser declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. O presidente da Deputación reiterou a necesidade de “sumar esforzos entre todas as Administracións” para conseguir este recoñecemento internacional.
O ALCALDE DE MONFORTE LEMBROU EN FITUR OS ATRACTIVOS CLAVE DA RIBEIRA SACRA
Pola súa banda, o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, representou á Ribeira Sacra no acto organizado pola Deputación lucense. Na súa intervención, o rexedor monfortino enumerou os motivos polos que se debe visitar a comarca. En canto á paisaxe, Tomé cualificouna de “única no interior de Galicia”, con especial protagonismo das ribeiras do Miño e do Sil, coa súa singular orografía e a gran variedade de flora e fauna que contén.
En segundo lugar, o alcalde de Monforte gabou a gastronomía da zona, “moi variada, con produtos autóctonos de calidade, e elaborados cunha preparación exquisita”. José Tomé referiuse neste punto á presentación, na xornada anterior, da guía “E para comer…Lugo”, que edita a Asociación de Empresarios de Hostelería de Lugo (APEHL), e que promociona a riqueza gastronómica da nosa provincia.
Outro dos argumentos empregados polo alcalde de Monforte en FITUR para animar aos asistentes a visitar a Ribeira Sacra foi o sector vitivinícola. Tomé Roca lembrou a longa historia do viño na zona, a súa singularidade e o pulo internacional que están a acadar nos rankings profesionais.
O valor cultural da Ribeira Sacra constituiu outro dos puntais sinalados polo rexedor monfortino no atractivo desta zona. O Museo dos Escolapios e o das Clarisas integran, segundo lembrou José Tomé, o amplo catálogo cultural da contorna, que suma edificios singulares de funcionalidade turística como os Paradores de Monforte e de Santo Estevo de Ribas de Sil. O alcalde aproveitou a ocasión para facer referencia á figura do VII Conde de Lemos, como “mecenas de grandes autores, e a quen Miguel de Cervantes adicou a segunda parte de El Quijote”.
José Tomé rematou a súa intervención destacando a recente oficialización, o pasado ano, do Camiño de Inverno, “un motivo máis para visitar a Ribeira Sacra”, cunha das rutas xacobeas “con mellores condicións climatolóxicas para chegar a Compostela”.
Como colofón, o alcalde de Monforte apuntou ademais que a novela gañadora do último Premio Planeta, “Todo esto te daré”, da escritora Dolores Redondo, está ambientada precisamente na Ribeira Sacra.
O RETO DA CAMPAÑA “LUGO CAMBIA”: ACADAR MÁIS DUN MILLÓN DE VISITANTES EN 2017
Con este desafío, a Deputación de Lugo puxo en marcha a nova campaña “Lugo Cambia”, que presentou en FITUR 2017. O presidente da Deputación afirmou que “os lucenses queremos compartir con todo o mundo o conxunto de recursos que fan de Lugo unha provincia única, e porque é de xustiza dalos a coñecer”.
PAISAXES VARIADAS, IDENTIDADE REFORZADA E SENSACIÓNS INOLVIDABLES, CLAVES DA CAMPAÑA “LUGO CAMBIA”
Campos Conde explicou que o lema “Lugo Cambia” responde a tres razóns. En primeiro lugar, pola diversidade da oferta turística, porque “en Lugo hai varios mundos”, en referencia ás posibilidades da costa da Mariña lucense, as variadas e singulares paisaxes da chaira interior e da montaña, o Camiño de Santiago, e as augas termais, e na zona sur, a paisaxe fluvial e a riqueza enolóxica da Ribeira Sacra.
En segundo lugar, a nova campaña “Lugo Cambia” enténdese por ser capaces de manter no tempo, tras miles ou centos de anos, a rica historia e tradición da nosa provincia grazas á innovación e ao cambio. “Lugo cambiou, e cambia porque se reinventa para que as súas señas de identidade non desaparezan, senón que se convirtan nun atractivos turístico único e fonte de riqueza”, precisou Campos Conde.
Por último, o presidente da Deputación lembrou que a campaña leva por nome “Lugo Cambia” polas sensacións que xera nos visitantes. “Garántovos que ver, oír, tocar ou probar os distintos recursos da nosa provincia deixan pegada: Lugo cambia”, apuntou o mandatario provincial.•

• O Camiño de Santiago, Galicia como destino familiar, o enoturismo, e o tren turístico Lugo Romano, completaron as propostas para Lugo presentadas por Turismo de Galicia en FITUR 2017

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na presentación das iniciativas “Destino Familiar” e “Enoturismo Galicia”, na segunda xornada de FITUR 2017, o pasado 19 de xaneiro. GPXG
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na presentación das iniciativas “Destino Familiar” e “Enoturismo Galicia”, na segunda xornada de FITUR 2017, o pasado 19 de xaneiro. GPXG
•Turismo de Galicia  deu a coñecer en FITUR 2017 unha ampla oferta turística nas catro provincias galegas. Con respecto a Lugo, houbo diversas propostas que centraron as liñas promocionais do organismo autonómico nesta edición da Feira Internacional de Turismo.
O CAMIÑO FRANCÉS, A RUTA XACOBEA DO 63% DOS PEREGRINOS O ANO PASADO
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou en FITUR 2017 que o Camiño de Santiago continúa sendo un verdadeiro nexo de unión entre os pobos, e suliñou que continúa en pleno auxe, sendo o ano 2016 un ano récord ao selar a súa Compostela un total de 278.232 peregrinos. “Unha cifra histórica que supera o dato acadado no último Xacobeo 2010”, explicou Castro.
O stand de Galicia acolleu, o 19 de xaneiro, unha presentación sobre os municipios galegos polos que transcorre o Camiño Francés a Santiago. Nava Castro explicou que o ano pasado, foi o itinerario escollido por máis do 63% dos peregrinos que obtiveron o seu Compostela sendo percorrida por un total de 176.332.
ENOTURISMO GALICIA UNIFICA O MAPA DE RUTAS DO VIÑO DE GALICIA
Entre os novos produtos presentados en FITUR 2017 por Turismo de Galicia destaca o denominado “Enoturismo Galicia”. Nava Castro destacou que a través da iniciativa ‘Enoturismo Galicia’ únense por primeira vez as cinco Rutas do Viño de Galicia baixo unha mesma marca, co obxectivo de situar a nosa comunidade autónoma como un referente enoturístico. “Baixo este novo produto turístico desenvolveranse unha ampla oferta de iniciativas enoturísticas e enogastronómicas de calidade que atraerán a un maior número de visitantes ao noso territorio”, sinalou Castro.
“DESTINO FAMILIAR”, UN PRODUTO PARA ACHEGAR GALICIA AOS PLANS DE VIAXE DAS FAMILIAS
Outras das novas iniciativas que se van desenvolver máis por extenso ao longo deste ano é o denominado “Destino familiar”, que inclúe un sistema de acreditación orientado á posta en valor da oferta dirixida a este segmento, o das familias. Deste xeito, o consumidor poderá identificar os servizos, establecementos, instalacións e actividades turísticas pensados e adaptados para familias.
“Con este produto, conseguiremos agrupar toda esta oferta  nunha web e aplicación móbil específica para impulsar Galicia como destino familiar”, precisou Nava Castro.
TREN TURÍSTICO LUGO ROMANO
En canto ao programa Trens Turísticos, a directora de Turismo de Galicia anunciou a reestruturación do Tren Termal e do Camiño do Norte, que pasará a denominarse “Lugo Romano”.
Nava Castro lembrou que o programa Trens Turísticos foi unha iniciativa pioneira posta en marcha en 2013 grazas á colaboración de RENFE, a Deputación de Ourense e Turismo de Galicia.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Concello de Monforte e o Eixo Atlántico reclaman a implicación da Xunta para impulsar a actividade do Porto Seco

Seguinte Nova

Novas iniciativas culturais en Quiroga para este trimestre

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: