O Concello de Monforte e o Eixo Atlántico reclaman a implicación da Xunta para impulsar a actividade do Porto Seco

• Presentaron en Monforte un informe realizado por expertos, no que sinalan os pasos que a Xunta debe dar para que «a plataforma loxística sexa unha realidade»

A presentación do informe sobre o Porto Seco de Monforte contou coa participación de responsables do Eixo Atlántico, a Deputación de Lugo, os concellos de Lugo e Monforte, e os expertos que elaboraron o informe. GPDL
A presentación do informe sobre o Porto Seco de Monforte contou coa participación de responsables do Eixo Atlántico, a Deputación de Lugo, os concellos de Lugo e Monforte, e os expertos que elaboraron o informe. GPDL
• Monforte de Lemos acolleu este mes a presentación do informe sobre o Porto Seco, realizado por expertos e no que se reclama a implicación do Goberno galego para que esta plataforma loxística teña actividade empresarial.
INFORME REALIZADO POR EXPERTOS
Esta foi a conclusión do traballo elaborado polos catedráticos Fernando González Laxe e  Miguel Rodríguez Bugarín, xunto á experta en Emprendedurismo, Carmen López Rodríguez, que acudiron a Monforte para dar a coñecer o resultado do traballo. A presentación deste documento contou coa participación tamén do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde; ademais do alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca.
SEGUNDO TOMÉ, A XUNTA É A QUE DEBE BUSCAR UN OPERADOR LOXÍSTICO PARA XESTIONAR A PLATAFORMA
Sobre o informe do Porto Seco, o rexedor monfortino destacou que “non se trata dun estudio máis», xa que «neste caso, o que facemos é establecer unha folla de ruta cos pasos concretos que debe dar a Xunta de Galicia para que o Porto Seco de Monforte sexa unha realidade”. Tomé afirmou que “é o Goberno galego ao que lle corresponde tomar a decisión de buscar un grupo operador loxístico que se faga cargo da xestión da plataforma”.
MONFORTE SEGUE SEN UN DESEÑO URBANÍSTICO DO PORTO SECO
Pola súa banda, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, apuntou outro dos inconvenientes para o pleno desenvolvemento desta infraestrutura. “Polo de agora non hai un deseño urbanístico de Porto Seco en Monforte», precisou, ao tempo que insistiu en que a Xunta debe apoiar esta plataforma “debido á ubicación estratéxica de Monforte, pero para iso tamén debe modernizar a liña ferroviaria Monforte-Palencia, o que será clave para impulsar o Porto Seco”.
O FERROCARRIL, FUNDAMENTAL PARA O DESENVOLVEMENTO DUNHA PLATAFORMA LOXÍSTICA
A importancia da vía férrea tamén foi destacada polo catedrático González Laxe, un dos autores do informe. “Para un porto o ferrocarril é o seu osíxeno, e se non ten conexión ferroviaria afógase», explicou Laxe, quen insistiu en que o informe reúne os dous elementos estratéxicos necesarios para o impulso do Porto Seco de Monforte, «a intermodalidade e a loxística».
Tanto os alcaldes de Lugo e Monforte como o presidente da Deputación coincidiron co representante do Eixo Atlántico na necesidade de amosar, con este informe, a preocupación das administracións máis relevantes da provincia na mellora das infraestruturas galegas, e mellorar deste xeito a economía.
UN PROBLEMA QUE AFECTA A TODA GALICIA
Neste sentido, José Tomé precisou que a falta de actividade no Porto Seco de Monforte non é só un problema local, senón que afecta a toda Galicia. «Como ben se di no informe, Galicia necesita facer viables os portos marítimos de interese xeral, que son os que poden e deben captar unha cota importante do tráfico marítimo que se vai producir coa ampliación do Canal de Panamá”. Neste sentido, o alcalde de Monforte anunciou que vai iniciar contactos con parlamentarios para rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que se debata este asunto. «O Porto Seco de Monforte e de Galicia necesita unha solución urxente», insistiu.
Por outra banda, o mandatario monfortino lembrou que «en breve» estará resolto o problema do saneamento do Porto Seco coa construción dunha depuradora propia, «grazas en boa medida a que o Concello puxo sobre da mesa un problema do que ninguén falaba nin resolvía». O Concello aportará  preto de 150.000 euros, que supón o 50% do financiamento das obras da nova depuradora.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Casa da Xuventude ofrece en Chantada un espazo de encontro, información, lecer e cultura para os mozos e mozas

Seguinte Nova

A Ribeira Sacra brillou con luz propia no stand de Galicia en FITUR 2017

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: