Case 270 mozos e mozas de menos de 40 anos asumiron a titularidade de granxas en Lugo en 2016

•Contaron co apoio das axudas da Xunta no Programa de Desenvolvemento Rural, dotadas con 9,8 millóns de euros • Lugo foi a provincia galega máis beneficiada por estas axudas, con arredor do 40% do importe total do programa

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou unha explotación gandeira en Friol, acompañado polos novos titulares das granxas deste municipio que se acolleron á liña de axudas do Goberno autonómico. GPXG
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou unha explotación gandeira en Friol, acompañado polos novos titulares das granxas deste municipio que se acolleron á liña de axudas do Goberno autonómico. GPXG
• O sector agrogandeiro incorporou en 2016 un total de 268 mozos e mozas de menos de 40 anos como novos titulares de explotacións, para o que contaron cunha axuda da Xunta de Galicia. Segundo destacou o delegado territorial, José Manuel Balseiro, esta liña de subvencións destinou á provincia de Lugo 9.821.500 euros.
Balseiro visitou a finais de xaneiro a explotación Casa Gabino, no municipio de Friol, para coñecer de primeira man a repercusión destas axudas. O seu titular, Iván Río Lorenzo,  acompañou a Balseiro na visita á granxa, na que tamén participaron outros nove mozos e mozas do municipio, beneficiarios pola súa parte destas achegas noutras tantas explotacións. O municipio de Friol conta cun gran número de granxas agrogandeiras rexistradas, un total de 468, e acolle unha das granxas de vacún de carne máis grandes de Galicia.
«DATO HISTÓRICO» NA INCORPORACIÓN DE MOZOS AO RURAL
O delegado da Xunta en Lugo lembrou a importancia destas axudas para a incorporación de xente nova ao rural. Balseiro destacou que Lugo foi a provincia galega máis beneficiada por esta iniciativa, ao recibir o 40% do importe das axudas concedidas e o 43,8% dos beneficiarios, “o que dá a medida do peso que ten o sector no noso territorio”. Balseiro suliñou que a incorporación de preto de 270 novos titulares menores de 40 anos «é un dato histórico, o máis elevado dende que se iniciou o programa de axudas en 1999». As cifras de 2016 case cuadruplican as do ano anterior, cando se incorporaron 68 agricultores, cun total de 1,2 millóns de euros en axudas.
O 42% DAS AXUDAS CONCEDIDAS CORRESPONDEN A MULLERES
Balseiro destacou o peso da muller no sector, xa que o 42% dos expedientes aprobados corresponden a mulleres. As axudas beneficiaron a gandeiros de 50 concellos da nosa provincia.
MÁIS DE UN MILLÓN DE EUROS EN AXUDAS NA COMARCA DE LEMOS
En canto ao sur de Lugo, o programa de subvencións da Xunta para a incorporación de mozos ás explotacións agrogandeiras outorgou 24 axudas na comarca de Lemos, por un importe total de 1.107.500 euros.
Pola súa banda, na comarca de Chantada sitúanse outros 16 beneficiarios, que obtiveron axudas autonómicas por un valor total de 563.000 euros.
Así mesmo, na comarca de Quiroga atópanse outros 3 beneficiarios deste programa de apoio á mocidade rural, cun importe global concedido de 112.500 euros. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Aprobados 500.000 euros en axudas provinciais para traídas de auga

Seguinte Nova

Tres medallas para os de Neka no Campionato Galego sub-21

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: