Conta atrás para disfrutar do Entroido no sur de Lugo

• Intensa programación nos Concellos para que veciños e visitantes se sumen á ledicia e animación dos Entroidos locais

A participación dos máis novos no Entroido monfortino convirte a esta celebración no evento máis participativo do calendario festivo da cidade. Arquivo EC
A participación dos máis novos no Entroido monfortino convirte a esta celebración no evento máis participativo do calendario festivo da cidade. Arquivo EC
• O sur de Lugo está a preparar a gran cita festiva do Entroido. Parroquias, asociacións, colexios e familias súmanse a esta celebración, que mantén o tirón ano tras ano, e conta co apoio dos Concellos na organización de concursos de disfraces e comparsas.

• Compadres e Comadres en Monforte, e Gran Desfile o Martes de Entroido

INSCRICIÓNS:
•15 de febreiro (ás 14 horas): último día para inscribirse no Xoves de Compadres
•22 de febreiro (ás 14 horas): último día para inscribirse no Xoves de Comadres
•24 de febreiro (ás 14 horas): último día para inscribirse no Desfile de Comparsas
CELEBRACIÓNS:
•Xoves de Compadres: 16 de febreiro
•Xoves de Comadres: 23 de febreiro
•Martes de Entroido, desfile de Comparsas: 28 de febreiro
COMPADRES E COMADRES
O Entroido en Monforte de Lemos segue a ser un dos acontecementos máis salientables do calendario lúdico da cidade. A programación oficial que propón o Concello para este ano iníciase o 16 de febreiro, coa celebración do Xoves de Compadres, e continúa a seguinte semana co Xoves de Comadres, o 23 de febreiro. Para dar pulo a estas citas, a Concellería de Cultura de Monforte convoca tres premios por xornada. Por unha banda, premiará ao mellor compadre e á mellor comadre elaborados por centros de ensino. Por outra, serán recoñecidos os mellores traballos presentados en ámbolos dous xoves por parroquias, barrios ou rúas da cidade. Por último, competirán en categoría propia os compadres e comadres presentados a título individual.
Dende o Concello salientaron que se manteñen os criterios obxectivos na valoración dos traballos, novidade que entrou en vigor na pasada convocatoria. Valorarase a orixinalidade dos materiais empregados, a montaxe, o interese etnográfico e a crítica social. As valoracións en cada apartado suporán un mínimo do 10% e un máximo do 25% do total da puntuación.
O xurado concederá 3 premios aos traballos presentados por colectivos, sendo o primeiro de 95 euros, o segundo de 65 e un accésit de 30 euros. En individual, haberá un primeiro premio de 65 euros, un segundo de 35 e un accésit de 18. O premio á etnografía será de 100 euros, o mesmo que o de crítica social.
PREMIOS PARA COMPARSAS
O Martes de Entroido reunirá en Monforte a centos de persoas para disfrutar do Desfile de Comparsas. A comitiva arrancará da Praza da Estación ás 17 horas, co tradicional itinerario polas rúas Calvo Sotelo, Roberto Baamonde e Cardeal, ata a Praza da Compañía. O xurado valorará as comparsas na Praza da Estación, entre as catro e as cinco, e a puntuación dos disfraces individuais será as catro e media.
En canto aos premios, mantense a diferenciación, introducida na convocatoria do ano pasado, entre disfraces e comparsas de Monforte, e participantes de fóra da cidade. A diferencia reside na contía dos premios, que pode chegar aos 1.000 euros no caso de comparsas locais de máis de 90 membros, e acadar os 350 para grupos similares de fóra de Monforte.
Establécense tres premios para cada tipo de comparsas. Tres serán os premios para as carrozas, e tres para as carrozas infantís, así como para disfraces individuais, de un a tres membros, en adulto e infantil. Haberá 8 accésits en total para todas as categorías. Ns categorías especiais, haberá premios de 100 euros para a mellor comparsa tradicional, a mellor posta en escea, a mellor música en vivo, mellor humor e mellor crítica de actualidade.
O importe global que o Concello destina aos premios locais do Desfile non superará os 9.500 euros, e para os de fóra o límite está nos 1.200 euros.
Pola súa banda, as comparsas e disfraces de fóra de Monforte optarán a cinco premios de entre 350 e 100 euros.•

• O día grande do Entroido de Sober será o sábado 25 de febreiro

Foto de arquivo da festa de Entroido en Sober, importante cita lúdica na que participan diversos colectivos do municipio. GPCS
Foto de arquivo da festa de Entroido en Sober, importante cita lúdica na que participan diversos colectivos do municipio. GPCS
• En Sober está todo listo para celebrar o Entroido. Como todos os anos, a gran festa terá lugar o sábado de Entroido.
OBRADOIRO DE COMPADRES E COMADRES
Con carácter previo, Sober celebrará a tradicional cita dos Xoves de Compadres e Comadres, que porán en xogo a imaxinación, ironía e creatividade dos veciños e veciñas. O venres 17 de febreiro, as Merendas con Contos ofrecerán unha edición especial cun obradoiro de elaboración de compadres e comadres.
Na víspera do día grande do Entroido soberino, o venres 24 de febreiro terá lugar o desfile dos alumnos e alumnas do colexio e da gardería de Sober, que amosarán os seus disfraces polas rúas da capitalidade.
GRAN COMPARSA POLAS RÚAS DE SOBER O 25 DE FEBREIRO
Na xornada do 25 de febreiro, desenvolverase o tradicional desfile dunha gran comparsa, na que participarán integrantes da Banda Municipal de Música de Sober, alumnado da Escola de Música, os nenos e nenas do Punto de Atención á Infancia, o alumnado do CEIP Virxe do Carme, e a veciñanza de Sober.
Ao remate do desfile polas rúas de Sober, terá lugar a festa con animación, música e xogos para todos os públicos. Así mesmo, procederase á celebración do concurso de disfraces, que repartirá premios nas modalidades infantil e de adultos.
A continuación, celebrarase o Baile da Cachucha, que suma este ano a súa edición número once. O Concello de Sober ofrecerá aos participantes unha degustación gratuíta de cachucha, pan do país e viño de Amandi.
III CERTAME DE COPLAS DE ENTROIDO
O Concello continúa a celebrar este certame, dado o éxito das pasadas edicións. Dentro do respecto ás persoas, a iniciativa trata de poñer de manifesto, con crítica e humor, os acontecementos máis salientables do ano.•

•Gran Desfile-Concurso de comparsas en Quiroga o domingo de Entroido

A rúa Real de Quiroga énchese de cor e imaxinación durante o desfile de comparsas e disfraces no domingo de Entroido. Arquivo EC
A rúa Real de Quiroga énchese de cor e imaxinación durante o desfile de comparsas e disfraces no domingo de Entroido. Arquivo EC
• A programación de Entroido en Quiroga centra as actividades no domingo de Entroido. O 26 de febreiro,terá lugar o Desfile-Concurso de Comparsas, no que poden inscribirse grupos locais e de fóra de Quiroga. A comitiva partirá da rúa Piscinas ás 17 horas, para completar o desfile pola rúa Real ata concentrarse diante da Casa da Cultura.
TODAS AS COMPARSAS RECIBIRÁN 60 EUROS, E HABERÁ TRES PREMIOS NESTA MODALIDADE
Segundo establecen as bases da convocatoria, no Desfile-Concurso organizado polo Concello de Quiroga poden participar grupos dun mínimo de 10 membros. Os participantes optarán a tres premios, de 500, 300 e 150 euros. O resto de comparsas recibirán 60 euros. Ademais das comparsas, poderán participar no Desfile-Concurso disfraces individuais, aínda que deberán estar compostos por un máximo de tres membros por disfraz. Nesta categoría, establécese un único premio de 60 euros.
ATA O 23 DE FEBREIRO PARA INSCRIBIRSE
O xurado estará integrado por un membro de cada comparsa, que ao remate do Desfile, deberá valorar todas as comparsas agás aquela á que representa. Segundo as bases da convocatoria, a concesión dos premios terá en conta sobre todo a orixinalidade dos disfraces, a coreografía e a escenografía.
O prazo de inscrición está aberto ata o 23 de febreiro. Os interesados deberán anotarse na Casa da Cultura de Quiroga, ou por teléfono no 982 43 51 25.
BAILE DE DISFRACES AO REMATE DO DESFILE
Os premios entregaranse diante do Concello, durante o baile de disfraces que estará amenizado polo grupo Os Palletas e Os do Recanto. A festa rematará cunha alborada polos bares de Quiroga.
Para os máis cativos, o Concello de Quiroga deseñou un día especial de celebración do Entroido. O luns 27 de febreiro, a partir das cinco da tarde, terá lugar unha Festa Infantil de Disfraces no discopub Yoya.•

• A Pobra do Brollón celebra o Entroido o sábado 25 de febreiro

Imaxe de arquivo do Desfile de Comparsas da Pobra. Arquivo EC
Imaxe de arquivo do Desfile de Comparsas da Pobra. Arquivo EC

• O día grande do Entroido na Pobra do Brollón será o sábado 25 de febreiro, coa celebración do Desfile de Disfraces, Comparsas e Carrozas, organizado polo Concello. A comitiva partirá sobre as cinco da tarde do cruce da estrada de Sáa, para percorrer o centro da capitalidade. Os interesados en participar deben inscribirse na Casa da Cultura Olga Novo, ou chamando ao teléfono 982 43 05 46 antes do venres 24 de febreiro. Os números de identificación recolleranse o propio día do Desfile, a partir das catro da tarde, no Concello. O Desfile estará amenizado pola charanga “Va K Pinta”. A entrega de premios terá lugar na Casa da Cultura Olga Novo ao remate do Desfile.
Para os máis cativos, o Concello da Pobra do Brollón está a organizar dous obradoiros de compadres, comadres, caretas e disfraces, os venres 10 e 17 deste mes, na Casa da Cultura, en horario de catro a seis.•

• Entroido en Chantada o martes 28 de febreiro

Foto de arquivo do Desfile de Disfraces no Martes de Entroido de Chantada. (Arquivo EC).
Foto de arquivo do Desfile de Disfraces no Martes de Entroido de Chantada. (Arquivo EC).

• O Concello de Chantada organiza o Desfile do Entroido o martes 28 de febreiro. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse na Casa da Cultura antes do venres 24 de febreiro ás 20 horas.
A organización establece varios premios para o concurso de disfraces. Na modalidade de adultos, haberá catro premios, de 290, 200, 150 e 110 euros. Na categoría infantil, os premios serán tamén de 290, 200, 150 e 110 euros.
A festa do martes de Entroido estará amenizada pola orquestra Breixa Band e a charanga Garrafón.com.•

• Pantón segue a poñer o broche de ouro ao Entroido do sur de Lugo o sábado 4 de marzo

O desfile de comparsas de Pantón culmina na Praza do Concello, en Ferreira, onde ten lugar o posterior baile e a chocolatada. Arquivo EC
O desfile de comparsas de Pantón culmina na Praza do Concello, en Ferreira, onde ten lugar o posterior baile e a chocolatada. Arquivo EC
• Pantón continúa a ser, un ano máis, o punto de despedida para as celebracións do Entroido no sur de Lugo. O aprazamento da data do desfile de comparsas ao fin de semana seguinte ao Mércores de Cinza garantiza a participación de comparsas da comarca. Ademais, supón a derradeira posibilidade de disfrutar, no ano en curso, dunha das festas con máis participación veciñal de todas as idades.
AS INSCRICIÓNS ESTARÁN ABERTAS ATA O VENRES 3 DE MARZO
Por este motivo, o Concello de Pantón xa ten listo o programa festivo do Entroido, que se concentrará na xornada do sábado 4 de marzo. O desfile de comparsas e disfraces partirá, como é costume, das inmediacións do colexio Monte Baliño ás 16,30 horas. Os participantes percorrerán as rúas de Ferreira ata desembocar na Praza do Concello, onde terá lugar o concurso. A festa continuará cunha chocolatada-baile.
As persoas que queiran participar no desfile e concurso deberán inscribirse no Edificio Sociocultural de Ferreira ata o venres 3 de marzo, en horario de 10 a 20 horas de luns a venres, e de 10 a 13 horas os sábados.
AXUDAS Á PARTICIPACIÓN
Todas as comparsas de máis de 10 membros recibirán unha aportación de 100 euros, non acumulables aos premios. O Concello establece unha axuda adicional de 50 euros para todos os grupos que inclúan na súa comparsa unha carroza. Para ter esta consideración, a carroza deberá ter un armazón metálico ou de madeira, e estar elaborado e decorado con gusto e imaxinación, segundo establecen as bases da convocatoria.
PREMIOS NA CATEGORÍA DE ADULTOS
As comparsas integradas por adultos optarán a varios premios. Para os grupos de 10 ou máis compoñentes, están previstos tres premios de 350, 200 e 150 euros. Os grupos de 5 a 9 compoñentes poderán conseguir tres premios de 150, 125 e 100 euros. Por último, as comparsas de 1 a 4 membros competirán polos premios de 100, 75 e 50 euros.
PREMIOS INFANTÍS
Na modalidade infantil, haberá tres premios de 150, 100 e 75 euros para os grupos de 10 ou máis membros. As comparsas de 5 a 9 compoñentes optarán aos premios de 100, 75 e 50 euros. As formacións de 1 a 4 persoas poderán acadar os premios de 50, 40 e 20 euros.
Os premios serán ingresados na conta bancaria que aporten os participantes, incluso no caso dos menores, cuxos premios se ingresarán nunha conta previamente acordada co pai, nai ou tutor.
Haberá agasallos para todos os nenos participantes na festa.•

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Aprobadas as últimas actuacións do Plan Integral da Rede Viaria provincial 2016

Seguinte Nova

Monforte e A Pobra do Brollón entran no programa de Vivendas Baleiras

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

 
A %d blogueros les gusta esto: