•Ata agora, só se viñan realizando intervencións parciais por coleccións con este tratamento
• A Deputación de Lugo vai desenvolver estes meses o Plan integral de desinsectación no Museo Pazo de Tor e Torre-Fortaleza San Paio de Narla, pertencentes á Rede Museística Provincial.
Segundo explicaron os responsables da Deputación, a última desinsectación completa de Tor fíxose en 2005, e en Narla foi en 2002. Dende entón, realizáronse intervencións parciais, por coleccións, con este tratamento de eliminación de xilófagos, que atacan a madeira estrutural e dos obxectos.
Os responsables provinciais explicaron que a desinsectación é un dos métodos máis eficaces de conservación das coleccións. Co Plan integral que está en marcha, trátase de conservar as 5.000 pezas que se gardan nos dous museos, así como os soportes expositivos e as estruturas. A fumigación integral das instalacións pretende controlar tamén a posible aparición doutras especies de insectos en materiais de orixe orgánica, como tecidos, coiro ou fibras vexetais.
O Executivo provincial tramitou «en tempo record» o procedemento de contratación deste servizo, cun importe máximo de 72.625 euros. A comezos de febreiro, técnicos de varias empresas interesadas en participar no concurso comprobaron o estado das instalacións museísticas.•