• Pedro Luis Pérez “Wiwi” e Junior Martínez estarán coa selección galega no Campionato de España de combate

• O club Neka de Monforte vén de completar un pleno de éxitos no Campionato Galego sub-21 de Taekwondo, celebrado o 4 de febreiro na localidade pontevedresa de Bueu. Os tres deportistas deste ximnasio que participaron na proba autonómica conseguiron subirse ao podio desta proba, puntuable para o Campionato de España. O resultado non puido ser mellor, segundo comentou o adestrador do Neka, José Mª Vega. “Foi o estreno dos tres nesta categoría, e o resultado foi xenial”, suliñou.

Na cita de Bueu, Pedro Luis Pérez “Wiwi”, do club Neka, proclamouse campión galego sub-21, logo de gañar os tres combates e superar na final ao cabeza de serie número un no punto de ouro. Pola súa banda, Elena Varela e Junior Martínez conseguiron cadansúa medalla de bronce. Varela chegou a semifinais, e un complicado cruce puxo fin ás súas opcións de ouro. Martínez completou un gran traballo en semifinais, perdendo por un axustadísimo 16-15.

Os tres deportistas do Neka están a continuar a excelente traxectoria dun clube que, temporada tras temporada, pon a Monforte e a Galicia no podio das grandes probas de nivel nacional. Este traballo vese premiado, nesta ocasión, coa participación de Pedro Luis Pérez “Wiwi” e Junior Martínez no vindeiro Campionato de España sub-21, o 4 de marzo en San Sebastián de Los Reyes. “Wiwi” e Martínez representarán a Galicia na modalidade de combate.
Estes éxitos non están a ser recoñecidos debidamente no reparto de axudas que as Administracións dan aos clubes deportivos, segundo critica o responsable do club Neka. José Mª Vega lamenta que “despois de conseguir no Neka 9 medallas nacionais, que máis hai que facer para ter apoios?”. “Outros clubes con menos resultados deportivos contan con bastantes máis axudas”, criticou o xerente do clube monfortino.•