•O Depuemprego xerou en febreiro outros 19 postos de traballo en 5 concellos •O Goberno provincial aplicou a subida do salario mínimo interprofesional aos participantes do obradoiro Communiteando
• A Deputación de Lugo ten en marcha varias iniciativas para o fomento do emprego na provincia, que están a contar con novidades. A mediados de febreiro, o Goberno provincial anunciaba a creación de outros 19 postos de traballo en cinco concellos, entre eles os de Paradela e O Páramo, dentro do programa Depuemprego. En concreto, en Paradela ofertan 4 postos de peón de obras públicas, con prazo de solicitude ata o 6 de marzo. No Páramo, ofertáronse 3 peóns de obra. No Depuemprego, o organismo provincial financia con 3 millóns de euros os custes laborais dos 263 novos traballadores en concellos de menos de 20.000 habitantes. A finais de febreiro, xa estaban cubertos un total de 185 postos en 50 municipios, nos que se inclúen 11 concellos do sur de Lugo, cun total de 47 traballadores contratados a través do Depuemprego.
Pola súa banda, o programa Ben Empregado 3 recibiu máis de 4.500 solicitudes para cubrir os 193 perfís profesionais que inclúe esta iniciativa, para traballar en empresas e colectivos lucenses. Ao longo do mes de marzo, publicarase a lista de admitidos, para continuar co proceso de selección. Está previsto que os beneficiarios se incorporen aos seus postos de traballo antes do mes de xuño.
No Ben Empregado 3, a Deputación asume o 50% dos custes laborais de 126 desempregados en 116 entidades lucenses. A subvención medra ata o 100% no caso de desempregados en situación de risco de exclusión ou con capacidades diferentes, o que beneficiará a 39 persoas. Tamén será do 100% a achega para contratar a 28 parados en 26 colectivos sen ánimo de lucro.
Por último, a Deputación decidiu aplicar a subida do salario mínimo interprofesional aos 15 mozos que participan no obradoiro de emprego Communiteando, a pesar que de que se rixe por un programa da Xunta que non contempla este incremento.•