Estas sesión práticas realízanse grazas ao acordo entre o Concello de Sober e o IES O Ribeiro de Ribadavia
• A comezos de febreiro, as viñas de Sober estreáronse como aula aberta para aprender técnicas propias da viticultura heroica. Un grupo de 22 alumnos e alumnas e 3 profesores do IES O Ribeiro de Ribadavia realizaron práticas de traballo vitícola na viña experimental dos Chancís. Isto foi posible grazas ao acordo de colaboración asinado entre o Concello de Sober e o instituto ourensán.
Un dos profesores que acompañou ao alumnado durante a sesión nos Chancís, José Antonio Cortiñas, precisou o contido dos traballos realizados. O grupo de alumnos levou a cabo podas en cordón simple e dobre e guyot. Ademais, gardaron varas podadas para volver no mes de maio e poder enxertalas nos bravos dos socalcos.
Os alumnos que visitaron Sober están matriculados no módulo de Viticultura do 1º curso do Ciclo Medio de Aceites de Oliva e Viños, e do mesmo curso do Ciclo Superior de Vitivinicultura, con idades comprendidas entre os 18 e os 20 anos.
O profesor Cortiñas destacou esta experiencia como «moi positiva e interesante», xa que lles permite amosar ao alumnado as importantes diferenzas que existen no traballo vitícola nesta zona respecto á do Ribeiro, «ademais de quedar encantados coa impresionante paisaxe».•