A comunidade educativa do CEIP Rosalía de Castro e a Biblioteca Municipal desenvolveron varias actividades para conmemorar á nosa escritora máis universal
• O Colexio Público de Bóveda leva o nome de Rosalía de Castro dende a súa apertura, no ano 1979. Para celebrar o 24 de febreiro, aniversario do nacemento da insigne escritora galega, os 50 alumnos e alumnas do CEIP Rosalía de Castro desenvolveron diversas actividades ao longo dos días previos, traballando sobre poemas da autora, e tamén elaborando un gran rótulo en papel e cores co nome do colexio.
A creatividade dos máis cativos tamén axudou a deseñar o Tendal da Poesía, iniciativa compartida entre o colexio e a Biblioteca Municipal de Bóveda. Este Tendal rodeou o recinto escolar e o Centro Sociocultural da vila cunha cadea literaria formada por debuxos e poemas realizados polos nenos e nenas. Ademais, no Tendal da Poesía puideron verse, plastificados para protexelos do exterior, diversos obxectos que forman parte do fondo da Biblioteca Municipal. Históricos billetes de 500 pesetas coa efixie rosaliana, selos de correos conmemorativos da escritora, ou reproduccións dos seus poemas máis emblemáticos, colgaron neste Tendal literario. A celebración completouse cunha exposición dos fondos bibliográficos sobre Rosalía que posúe a Biblioteca de Bóveda, nun evento participativo co que homenaxear á voz feminina máis galega e universal.•