Aprobado o Presuposto da Deputación de Lugo para 2017, cun total de 84,8 millóns de euros

•A proposta orzamentaria que o presidente levou ao Pleno extraordinario aprobouse cos votos dos deputados do PSOE, con abstención do Partido Popular e do BNG

Votación da proposta de Orzamento da Deputación de Lugo para 2017, durante o Pleno extraordinario celebrado o 14 de marzo, que contou cos votos favorables do PSOE e a abstención do PP e do BNG. GPDL
Votación da proposta de Orzamento da Deputación de Lugo para 2017, durante o Pleno extraordinario celebrado o 14 de marzo, que contou cos votos favorables do PSOE e a abstención do PP e do BNG. GPDL
• O pasado 14 de marzo, tivo lugar o Pleno extraordinario no que se aprobou o Presuposto da Deputación de Lugo para 2017, con 84,8 millóns de euros. A proposta orzamentaria presentada polo presidente, Darío Campos Conde, saiu adiante cos votos a favor dos deputados socialistas, e coa abstención dos representantes do Partido Popular e do Bloque Nacionalista Galego.
3,4 MILLÓNS MENOS QUE O ANO PASADO
Segundo explicou a deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, o presuposto para 2017 descende nun 3,92%, o que representa 3,4 millóns de euros menos. A responsable provincial explicou que esta baixada é debida á liquidación da débeda da Xunta pola transferencia dos hospitais, xa que a Deputación deixa de percibir 3,7 millóns anuais. Outro factor que explica o descenso da partida global orzamentaria deste ano é a redución na retención aos Concellos debido á recadación de impostos, que o Goberno provincial baixou do 3% ao 1%, co obxectivo de aforrarlle aos municipios 745.000 euros.
García Bermúdez explicou que, dos 84,8 millóns do orzamento, máis do 52% destinarase a políticas de fomento da economía, do emprego, das políticas sociais e das infraestruturas, cun montante de 44,5 millóns. Pola súa banda, os gastos de persoal supoñen o 29,90%, baixando  con respecto ao ano pasado en máis de 600.000 euros. Así mesmo, os gastos correntes representan o 16,61% das contas provinciais.
FOMENTO DA ECONOMÍA E DO EMPREGO
Este é un dos eixos sobre os que se deseñou a proposta orzamentaria presentada por Darío Campos Conde e aprobada no Pleno provincial. Con esta finalidade, o Goberno da Deputación destina 6 millóns para emprego, e 600.000 euros para a contratación dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), «facendo que a de Lugo sexa a única Deputación en Galicia que asume os custos que lle corresponden aos Concellos neste concepto», destacou García Bermúdez. Así mesmo, o orzamento aporta un incremento de 330.000 euros na partida correspondente aos custos laborais dos bombeiros, co fin de equiparar os seus salarios cos de Ourense.
Por outra banda, destínase 1 millón para o Plan Estratéxico de Turismo, 3,9 millóns para deporte, 6,1 millóns para Cultura, e 1,3 millóns para artesanía e deseño.
POLÍTICAS SOCIAIS
Neste apartado, as contas provinciais reservan 6,3 millóns de euros para benestar, 1,5 millóns para o Servizo de Axuda no Fogar «a custe cero para os concellos», segundo os responsables provinciais, e 370.000 euros para o funcionamento de residencia e centros de día da Deputación nos municipios.
Por outra banda, o organismo provincial inclúe nas súas contas 1,6 millóns para a Escola de Imaxe e Son da TIC, 350.000 euros para o Plan de Choque no Campus de Lugo, ademais de 300.000 euros para a mellora do Hospital Veterinario Rof Codina, e o funcionamento desta Fundación e da Facultade de Relacións Laborais. Por último, reserva 312.000 euros para a actividade da UNED.
INFRAESTRUTURAS
O Orzamento da Deputación de Lugo para 2017 achega 18,7 millóns de euros para a mellora nas infraestruturas, sobre todo no medio rural. Entre as partidas máis destacadas, figuran os 5,7 millóns do Plan de Obras e Servizos (POS), os 8,3 millóns para a mellora de estradas provinciais e municipais, e outros 2 millóns de euros destinados á dotación de servizos públicos nos concellos.•

•PLAN ÚNICO NOS 67 CONCELLOS CON 20 MILLÓNS DE EUROS

• Na presentación da proposta que levou ao Pleno, o presidente da Deputación explicou que o Orzamento inclúe un Plan Único para todos os concellos da provincia, de 20 millóns de euros. «Distribuiremos estes fondos nos 67 concellos lucenses en base a criterios totalmente obxectivos», precisou Campos Conde, e lembrou que este modelo de xestión xa o aplicou no exercicio pasado, cun montante de máis de 10 millóns.
AUTONOMÍA DOS CONCELLOS
Ademais, o mandatario provincial destacou que co Plan Único «respectamos a autonomía local dos Concellos, pois cada un ten unhas necesidades concretas ás que atender para responder aos veciños». Deste xeito, os concellos serán os que decidan en que invisten os fondos deste Plan Único, «tendo en conta as políticas de actuación que vimos desenvolvendo na Deputación nos últimos anos», salientou Campos Conde, en referencia a «crear emprego, ofrecer servizos sociais e mellorar as infraestruturas». «Os municipios poderán decidir en que gastan a parte restante», explicou o mandatario provincial.
«NECESARIO» PARA O PP
Esta partida de 20 millóns específica para os concellos era unha das condicións que poñía o Partido Popular para non bloquear a aprobación da proposta de Orzamentos do Goberno socialista. Antes da votación no Pleno, a portavoz popular na Deputación, Elena Candia, defendía «a necesidade de garantir que este compromiso cos concellos sexa real e non un brinde ao sol». O Grupo Provincial Popular valorou o «ton de diálogo» amosado polo Presidente cando deu a coñecer a proposta orzamentaria, aínda que  «sen esquecer actitudes anteriores alonxadas da conciliación e do consenso».
Na sesión plenaria para votar o Orzamento, a deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, criticou que o PP «falase de equidade ou reparto obxectivo, porque iso é o que non fan cando gobernan». A deputada socialista apuntou que nos 4 meses de Goberno provincial dos populares, «o único Plan Único que fixeron foi repartir 5 millóns entre 16 concellos gobernados polo PP».•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Sober celebra o Mes de Amandi con actividades para todos os públicos

Seguinte Nova

Aberto o prazo para presentar deseños ao VI Concurso de Carteis da XV Feira Tradicional Outrora de Rubián

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: