As Administracións buscan fórmulas para impulsar os 4 xeodestinos lucenses

•A Deputación «tende a man» á Xunta para constituír os 3 xeodestinos pendentes, xa que non consideran como tal ao da Mariña •O delegado da Xunta valorou positivamente a vontade do organismo provincial, aínda que subliñou que «son os concellos os que deciden sobre o proxecto»

Imaxe de arquivo do stand promocional de Galicia na Feira Fitur do ano pasado, promovido por Turismo de Galicia. CTRS
Imaxe de arquivo do stand promocional de Galicia na Feira Fitur do ano pasado, promovido por Turismo de Galicia. CTRS
• A comezos deste mes, iniciouse na provincia de Lugo unha ronda de encontros de traballo para a elaboración do Plan Estratéxico de Turismo da Deputación. A estas mesas, promovidas polo organismo provincial, están chamados a participar un total de 200 colectivos. En relación a esta iniciativa, o deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, destacou que a elaboración deste Plan «segue unha metodoloxía participativa». O deputado explicou que o Goberno provincial «tende a man» ao Executivo autonómico para colaborar no impulso dos 4 grandes xeodestinos turísticos, para poder solucionar «as grandes eivas que presenta a nosa provincia e que lastran o desenvolvemento turístico».
Vidal lembrou que é a Xunta a Administración galega con competencias directas en materia de turismo, e como tal definiu en 2011 os 4 xeodestinos da provincia de Lugo: Lugo-Terra Chá, Ancares-Courel, Ribeira Sacra e Mariña Lucense. O deputado lembrou que, na actualidade, só está constituído o da Ribeira Sacra, mentres que o da Mariña Lucense, recoñecido pola Xunta, non o considera xeodestino, xa que a Mancomunidade de Municipios alí constituída «non é unha entidade xestora, senón o resultado dun esforzo dos concellos para a xestión conxunta de servizos municipais».
Eduardo Vidal criticou que a Xunta non convocara á Deputación na reunión mantida cos alcaldes o 1 de marzo de cara á constitución do xeodestino Ancares-Courel.
TRABALLO CONXUNTO
Pola súa banda, o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Xunta pretende que a totalidade do territorio teña cobertura nun xeodestino para «incrementar a demanda turística».
Balseiro lembrou que Turismo de Galicia colabora co xeodestino da Ribeira Sacra cunha achega anual de  100.000 euros, e destina 80.000 euros á Mancomunidade da Mariña. Así mesmo, o delegado da Xunta destacou «a boa acollida» dos responsables municipais á proposta para poñer en marcha os xeodestinos Lugo-Terra Chá e Ancares-Courel, aos que a Xunta está a aportar asesoramento técnico nesttes primeiros pasos. Balseiro afirmou que a Xunta ten un papel «impulsor», a través de axudas económicas, pero que «son os concellos os que deciden sobre o proxecto».
José Manuel Balseiro destacou que, en materia de turismo, «é importante sumar esforzos», polo que valorou positivamente o interese da Deputación sobre os xeodestinos, aínda que require que o organismo provincial concrete o seu compromiso económico.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Xunta comprométese en Bóveda a seguir mellorando as infraestruturas deportivas de Galicia

Seguinte Nova

55 mozos iniciaron este mes os cursos do LugoWork

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: