Sober celebra o Mes de Amandi con actividades para todos os públicos

•O programa de actos culmina na celebración da XXXVII Feira do Viño de Amandi, que terá lugar os días 8 e 9 de abril

Presentación do cartel da XXXVII Feira do Viño de Amandi e da programación do Mes de Amandi no Miradoiro de Pena do Castelo, o 4 de marzo. GPCS
Presentación do cartel da XXXVII Feira do Viño de Amandi e da programación do Mes de Amandi no Miradoiro de Pena do Castelo, o 4 de marzo. GPCS
• O Concello de Sober ten en marcha o amplo programa de actividades correspondente ao Mes de Amandi. Esta iniciativa, que se desenvolve dende comezos de marzo, rematará coa celebración da XXXVII Feira do Viño de Amandi, os días 8 e 9 de abril.
CARTEL CON DESEÑO MONFORTINO
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, deu a coñecer o 4 de marzo os actos do Mes de Amandi no Miradoiro de Pena do Castelo, nun acto no que tamén se presentou o cartel promocional da Feira, cun deseño asinado polo monfortino José Carlos Quiroga Losada. Este debuxo foi o gañador do concurso de carteis que convoca o Concello de Sober co gallo desta celebración, e no que este ano recibiron accésit os traballos de Ana Santiso Vilar e Edith Nieves Sánchez.
Un dos primeiros actos do Mes de Amandi foi a actuación, o mesmo día 4, da pianista malagueña Esperanza Martín López, que serviu para a estrea oficial do novo piano de cola adquirido polo Concello.
A NOVA ASOCIACIÓN DE APICULTORES DA RIBEIRA SACRA TERÁ SEDE EN SOBER
Para o xoves 16 de marzo está organizada unha Xornada de maridaxe de Viño de Amandi con Castaña de Galicia na Escola de Hostalería de Rosende, de 12 a 14,30 horas, en colaboración coa IXP Castaña de Galicia e a Escola de Hostalería da Fundación Belarmino Fernández.
Os produtos da terra tamén serán protagonistas doutra das actividades do Mes de Amandi. O sábado 18 de marzo, a partir das doce, presentarase no Centro Sociocultural a Asociación de Apicultores da Ribeira Sacra, que terá a súa sede en Sober. O acto rematará cunha degustación de mel e produtos apícolas da Ribeira Sacra.
EVENTOS TÉCNICOS SOBRE VIÑO E VIDES
As xornadas técnicas ocupan un espazo no Mes de Amandi. O Centro Sociocultural de Sober acollerá dúas actividades deste tipo. A primeira, dirixida por Vinosacra.es, versará sobre a imaxe do viño, o sábado 1 de abril a partir das 11,30 horas.Na segunda xornada, o xoves 6 de abril, persoal da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) falará sobre estratexias de control do Mildeu na vide, de 9,00 a 14,30 horas.
EXPOSICIÓNS E CONCURSO DE TALLA CON MOTOSERRA
A creatividade ocupará dúas exposicións no Mes de Amandi. Do 8 ao 30 de abril, o Centro Sociocultural de Sober amosará os carteis presentados a concurso nesta edición, así como os deseños que concurran ao concurso de debuxo infantil. Por outra banda, do 1 ao 7 de abril, a Praza do Concello acollerá a realización dos traballos do I Concurso de Talla con Motoserra.•

•Cata de viños de Amandi para mulleres embarazadas

• Dende a organización da Feira do Viño de Amandi, están a buscar cada ano novidades para enriquecer a oferta lúdica e divulgativa en torno a este senlleiro evento enolóxico. Este ano, un dos actos máis singulares será a celebración dunha cata comentada de viños de Amandi para mulleres embarazadas. A actividade terá lugar no Centro Sociocultural de Sober o sábado 25 de marzo a partir das 12 do mediodía, e estará dirixida por Humberto Loureiro.
VIÑAS E DEBUXOS
Tamén o público infantil ten o seu espazo na programación do Mes de Amandi. O venres 21 de marzo, a sesión de Merendas con Contos sae da Biblioteca Municipal para viaxar ata a viña municipal dos Chancís, onde os cativos poderán coñecer diversos procesos do traballo nas viñas. Así mesmo, a creatividade dos máis pequenos poténciase nestes días, cun concurso de debuxo infantil para elaborar un adhesivo promocional da Feira do Viño de Amandi, e no que se reproducirá o deseño que resulte gañador.•

ROSA CEDRÓN, PREGOEIRA DA GRAN CITA DE AMANDI

• O sábado 8 de abril comezará co disparo das bombas de palenque que anuncian o arranque da XXXVII Feira do Viño de Amandi. A apertura oficial será ás 12 horas, a cargo da adega Mezquita, en lembranza do seu fundador, Pedro López Fernández. A xornada matutina estará amenizada polo Grupo de Música Tradicional de AGADIC.
Xa pola tarde, comezará a precata oficial da Feira, e a festa seguirá cun concerto da Banda de Música de Sober, ás seis e media. Pola noite, están previstas dúas actuacións musicais, unha delas a cargo do grupo monfortino Gin Toni’s.
O domingo 9 de abril amencerá co lanzamento das bombas de palenque, e a música en vivo da charanga NBA. Ás once, iniciaranse os pasarrúas da Banda de Música de Sober, e comezará a cata oficial da Feira do Viño de Amandi, na sala de catas do Centro Sociocultural. A celebración da misa solemne coa Bendición dos Ramos será ás once e media, na igrexa de Sober. Unha hora máis tarde, terá lugar a recepción oficial de autoridades no Concello, para continuar coa lectura do pregón, á unha da tarde, a cargo da cantante e violonchelista Rosa Cedrón. A mañá completarase coa entrega dos premios aos adegueiros.
A XXXVII Feira do Viño de Amandi rematará o domingo á tarde, con dobre xornada musical a cargo da charanga NBA, ás cinco, e un baile amenizado pola orquestra Trébol, dende as sete e media.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O sur de Lugo celebrou o Día Internacional da Muller

Seguinte Nova

Aprobado o Presuposto da Deputación de Lugo para 2017, cun total de 84,8 millóns de euros

Últimas noticias sobre EVENTOS

A %d blogueros les gusta esto: