A Xunta completará antes do verán un novo trámite para o enlace do Porto Seco coa N-120

•Balseiro anunciou este mes que están avanzados o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, en rolda de prensa. GPDTL
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, en rolda de prensa. GPDTL
• A Xunta de Galicia está a avanzar un novo chanzo no camiño para completar a comunicación por estrada do Porto Seco de Monforte. Segundo explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, xa están avanzados o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental do enlace do Porto Seco coa estrada N-120, polo que estiman que estean rematados antes do verán.
2,5 MILLÓNS PARA AVANZAR NAS CONEXIÓNS VIARIAS
Balseiro explicou os detalles deste proxecto, que contará cun financiamento de aproximadamente 2,5 millóns de euros. Segundo o delegado territorial, o novo vial responde a unha configuración coordinada con Fomento, para simplificar o trazado da conexión da estrada autonómica que conectará o Porto Seco coa N-120, cuxo desdobramento proxecta o Goberno central. Ademais, Balseiro precisou que esta configuración fai máis viable economicamente este proxecto.
O delegado en Lugo destacou o “importante esforzo inversor” que o Executivo autonómico está a facer no Porto Seco de Monforte. “A Xunta responde con feitos, traballando para impulsar a plataforma loxística”, salientou. Balseiro engadiu que “o Goberno galego foi o único que ata o de agora apostou realmente por esta infraestrutura”. Neste sentido, José Manuel Balseiro apuntou que “só nos terreos, traballos técnicos e urbanización xa se investiron máis de 13 millóns de euros”, aos que hai que engadir outros 5,3 millóns na conexión coa estrada LU-933.
SOLO INDUSTRIAL CON BONIFICACIÓN DO 50%
O delegado da Xunta en Lugo explicou que o Executivo autonómico tamén está a “estimular o interese das empresas” polo Porto Seco, ao ofrecer solo industrial cunha bonificación do 50%. “Esa é a vía para que non acabe sendo un polígono de luxo infrautilizado no que a Xunta leva investido xa preto de 20 millóns de euros”, salientou. Balseiro afirmou que a Xunta “é a primeira, e única Administración polo momento, interesada en que a plataforma loxística sexa un éxito”.
INTERESE DA XUNTA EN SACAR ADIANTE O PORTO SECO
O delegado da Xunta asegurou que “para conseguir que o Porto Seco dinamice o tecido produtivo” da comarca, é preciso “o concurso das demais administracións, e moi en concreto do Concello”. Neste sentido, Balseiro lembrou que o Goberno local de Monforte “ten na súa man ser áxil coa construción da depuradora que permita a instalación de empresas”. En relación a este punto, o delegado da Xunta destacou que o interese do Executivo galego polo Porto Seco de Monforte “queda demostrado dende o momento en que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda asumiu a elaboración do proxecto construtivo da depuradora, e comprometeuse a financiar o 50% dos 300.000 euros que supón a súa construción”, a medias co Concello, encargado de executar as obras.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Os socialistas levan ao Parlamento galego a conexión do Porto Seco

Seguinte Nova

16 proxectos viron a luz na aceleradora de empresas de Monforte

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: