• O mes de abril comezou forte no Círculo Saviñao de Escairón. A axenda cultural deste mes iniciouse coa actuación de Régis Huiban, prestixioso acordeonista bretón, que engaiolou aos asistentes con pezas dos seus últimos discos. Na súa ampla traxectoria musical, Huiban participou en numerosas formacións de jazz e música contemporánea, ademais de contar co seu propio cuarteto. O bretón reúne no seu repertorio unha gran experiencia en ritmos tradicionais, unha formación clásica e amplos coñecementos de harmonía moderna, o que o convirten nun dos músicos máis habituais e valorados dos escenarios da Bretaña francesa.
A seguinte cita no Círculo Saviñao tivo como protagonista á poesía chantadina. Un repaso pola creación poética na vila do Asma, do século XII ao XXI, é o tema do libro “Ecos dos poetas de Chantada”, do escritor Xosé Lois García. Varios poetas chantadinos, entre os que estaban Ana Mª Gamallo, Anxo Boán, Paco Ledo ou Ramón Rodríguez Porto, leron fragmentos da obra. O evento estivo amenizado pola música de As Searas de Chantada, e do grupo TresporDous de Sober.•