• A temporada abre con cifra record, rexistrando 2.400 reservas para este mes
• O primeiro de abril, comezou a temporada das Rutas Fluviais, cunhas expectativas record en canto ao número de visitantes. Segundo explicou o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, na viaxe pola Ruta Canón do Sil o pasado día un, xa se rexistraron un total de 6.800 reservas para este ano, das que 2.400 corresponden á Semana Santa. O mandatario provincial destacou o crecente interese dos turistas por este atractivo do sur de Lugo. Campos Conde lembrou que, en 2016, un total de 46.063 persoas navegaron polas Rutas Fluviais dependentes do organismo provincial, o que supuxo un aumento do 12% respecto ao ano anterior.
Dende a Deputación explicaron que, do 8 ao 16 de abril, haberá rutas durante todos os días, para atender ás demandas da Semana Santa, con saída ás 11,30 e ás 16,00 horas.
Dende o 17 abril ata finais de maio, as saídas do embarcadoiro de Doade realizaranse de martes a domingo, e días festivos, ás 11,30 e 16,00 horas; e dende Belesar ás mesmas horas, os sábados, domingos e festivos nacionais. De xullo a setembro, haberá rutas de mércores a domingo, con saídas ás 11,30, 16,30 e 19,00 horas. Toda a información está dispoñible na web www.reservas.rutasembalses.es.•