•O Centro Sociocultural acolleu un contacontos, e unha exposición de libros infantís singulares da Biblioteca Municipal

Bóveda celebrou o Día do Libro con varias actividades, destinadas fundamentalmente á promoción da lectura entre os máis cativos. Alumnado do CEIP Rosalía de Castro e usuarios da Residencia de Bóveda disfrutaron do contacontos “As historias do Kamishibai”, durante a xornada do venres 21 de abril.

EXPOSICIÓN DE LIBROS SINGULARES DOS FONDOS DA BIBLIOTECA
Os libros tamén transmiten emocións e despertan a curiosidade polo seu formato e deseño. A Biblioteca Municipal de Bóveda aproveitou o Día do Libro para expoñer as súas pezas máis singulares de literatura infantil. Despois do contacontos, os participantes nesta xornada cultural puideron achegarse a cada unha das historias e peculiaridades destes libros, ao tempo que reflexionaron entre todos sobre as vantaxes da lectura.


MOSTRA DE FRASES CÉLEBRES PARA REFLEXIONAR SOBRE OS LIBROS E A LECTURA
Se os grandes escritores e escritoras reflexionaron sobre a lectura e a creación literaria, non está de máis coñecer que pensan os máis cativos sobre o feito de ler. Nun gran mural instalado no Centro Sociocultural de Bóveda, os escolares puideron escribir as súas reflexións sobre “Que é para ti un libro?” e “Por que che gusta ler?”, para deixar testemuña por escrito das súas inquedanzas.