• Por vez primeira nos 34 anos da competición, a Copa ten dedicatoria, neste caso ao exfutbolista Pedro Tapia, en recoñecemento ao seu traballo na mellora deste deporte
• O organismo provincial destina 100.000 euros a esta competición, cifra superior á partida do ano pasado, para cubrir custos de arbitraxes e desprazamentos, segundo pediron os clubes • Este ano, incorpóranse as categorías do fútbol base
• Durante os meses de maio e xuño, máis de 280 equipos lucenses disputarán a XXXIV Copa Deputación de Fútbol Memorial Pedro Tapia, organizada pola Deputación de Lugo e a Federación Galega de Fútbol.
Por primeira vez na súa historia, a competición vai adicada a unha figura deste deporte, o exfutbolista lucense Pedro Tapia, en recoñecemento ao seu traballo e labor na mellora desta disciplina. Segundo explicou o presidente do organismo provincial, Darío Campos Conde, a Deputación destina á Copa un total de 100.000 euros, o que supón un aumento de 15.000 euros respecto ás edicións anteriores. Campos Conde explicou que, con este incremento, o organismo provincial asume tamén os custos de arbitraxe e desprazamentos, dando resposta ás peticións dos clubes.
Outra das novidades da Copa Deputación de Fútbol é a incorporación de todas as categorías deportivas, co fin de promover e impulsar o fútbol base na nosa provincia. Así, na categoría prebenxamín competirán 27 equipos, 40 de benxamín e 39 de alevín. De infantil participarán 26 formacións, 19 de cadetes e 25 xuvenís. Ademais, competirán 31 equipos de fútbol veterano.
Os organizadores explicaron que o sistema da Copa será a partido único ata a final, para facela máis dinámica.•