Máis dun millón de euros para mellorar a calidade da peregrinaxe no Camiño Francés

•Convenio entre a Xunta e 11 concellos desta ruta xacobea •As melloras buscan manter o Camiño «en condicións óptimas»

Sinatura do convenio entre Turismo de Galicia e 11 concellos galegos do Camiño Francés, o 11 de abril. GPXG
• Os concellos galegos vinculados ao Camiño Francés van contar co apoio económico da Xunta de Galicia para acometer diversas melloras en infraestruturas, servizos e promoción desta ruta xacobea. Esta colaboración materializouse o pasado 11 de abril, coa sinatura dun convenio entre Turismo de Galicia e os municipios de Arzúa, Melide, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, O Pino, Portomarín, Samos, Sarria e Triacastela. Segundo este convenio, a Xunta aportará máis dun millón de euros ao longo dos anos 2017, 2018 e 2019, para financiar actuacións en ditos municipios.
O 63% DOS PEREGRINOS DO ANO PASADO FIXERON O CAMIÑO FRANCÉS
Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, este investimento vai permitir «manter o Camiño Francés en condicións óptimas para os milleiros de peregrinos que, cada ano, escollen esta ruta para chegar a Compostela». Castro lembrou que o ano pasado, a capital de Galicia recibiu a 277.854 peregrinos, unha cifra «histórica» que supera o dato do último Ano Xacobeo. Ademais, o 63% destes peregrinos percorreron o Camiño Francés para chegar a Compostela.
MELLORA DA RUTA E DA SÚA CONTORNA
Nava Castro explicou que o convenio abrangue varios tipos de actuacións. Por unha banda, financiaranse melloras nas infraestruturas e bens do Camiño Francés, co fin de prestar unha boa acollida ao peregrino. Neste grupo, inclúense obras de conservación e reposición por razóns de urxencia, obras de mellora no Camiño e a súa contorna, e o establecemento e dotación de áreas de descanso.
O convenio tamén vai financiar gastos dos concellos en iluminación pública ou recollida de lixos nas zonas vinculadas ao Camiño, así como en actividades promocionais, culturais e artísticas.
INFORMACIÓN TURÍSTICA CONTINUA
Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia destacou a importancia do convenio para garantir unha atención e información «continuada e específica» aos peregrinos ao longo de toda esta ruta xacobea. En virtude deste convenio, os concellos comprométense a contratar persoal con formación en turismo e coñecementos do Camiño de Santiago no periodo que vai dende abril a setembro. Ademais, terán que manter actualizada a información do Camiño nas súas webs  municipais. •

•REFORZO DA SINALIZACIÓN AO LONGO DO CAMIÑO DE INVERNO

• Turismo de Galicia iniciou, a mediados de abril, a colocación de novas sinalizacións no Camiño de Inverno. O día 12 deste mes, quedou instalada unha mouteira no concello ourensán de A Rúa, co obxectivo de reforzar os sinais xa existentes.
A Xunta ten previsto colocar un total de 140 mouteiras en 14 municipios polos que transcorre esta ruta xacobea, entre os que están Quiroga, A Pobra de Brollón, Monforte de Lemos, Pantón, O Saviñao, Chantada e Sober, na provincia de Lugo. Segundo explicaron os responsables da Xunta, esta iniciativa realizouse de común acordo cos municipios do Camiño.
Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia lembrou que a ruta está pendente da delimitación oficial da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, polo que con esta actuación se reforza, con carácter provisional, a sinalización actualmente existente no Camiño. Castro insistiu na importancia de garantir a seguridade dos peregrinos, e de facilitar a súa peregrinaxe polas diversas rutas xacobeas ao seu paso por Galicia.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A gran festa da lectura no Día do Libro en Bóveda

Seguinte Nova

A XVII Mostra do Aceite de Quiroga celebrarase o 28 de maio no muíño de Bendilló

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Chantada contra o cancro

A solidariedade e a conciencia social uníronse en Chantada nunha loita colectiva contra o cancro. No pasado mes de decembro, a directiva
Ir aInicio

Don't Miss