Conta atrás para celebrar a XXIV Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón

•O sábado 13 de maio será a 2ª Romaría-Festa da Empanada, con premios ao grupo máis numeroso, ao que leve a camiseta máis orixinal, e ao máis festeiro

O adegueiro Javier Fernández, de Adega Saíñas, foi o anfitrión da presentación da XXIV Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón, o 3 de maio, na que participaron o alcalde, José Luis Álvarez, e o concelleiro Roberto Eireos. EC
• Xa está todo listo en Ferreira para a celebración, na fin de semana do 13 e 14 de maio, da XXIV Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón. Segundo explicou o alcalde, José Luis Álvarez, na presentación do evento celebrada na adega Saíñas de Espasantes, daranse cita no Castro de Ferreira un total de nove adegas, nunha celebración adiantada, como o ano pasado, «para evitar as datas dos exames de xuño, e tamén porque é mellor para o viño que non faga moito calor no espazo da feira».
A MOSTRA DOS VIÑOS, UNHA BOA EXCUSA PARA VOLVER A PANTÓN
José Luis Álvarez reivindicou esta cita como unha festa importante para seguir dando a coñecer os viños de Pantón e «polos turistas que veñen», pero tamén «pola identidade que supón para a xente de Pantón que vive fóra, e aproveita a Feira do Viño para volver por ser a súa festa, a da súa terra».
MÚSICA, FESTA DA EMPANADA E CONCERTO O SÁBADO
A inauguración oficial, o sábado á unha da tarde, estará a cargo de José Manuel Balseiro, delegado territorial da Xunta en Lugo. Xa ás dúas, comezará a 2ª Festa da Empanada, no recinto do Castro, no que haberá venda de empanadas e produtos da terra, nos postos das panaderías locais Chimpa, Siós, Tarrazo e Tuiriz. A organización anima aos veciños e visitantes a sumarse á Festa da Empanada, na que haberá premios ao grupo máis numeroso, ao que leve a camiseta máis orixinal, e ao máis festeiro.
A música estará presente toda a fin de semana, con pasarrúas en Ferreira e no recinto feiral. O grupo de percusión Trópico de Grelos realizará dous pases, ás catro e ás seis da tarde. Ademais, a partir das once da noite do sábado, haberá un concerto do grupo Gin Toni’s, seguido da banda Riff Raff, unha exitosa formación ferrolana de versións de AC/DC, «considerado polos propios AC/DC como un dos mellores grupos de versións», segundo explicou o concelleiro Roberto Eireos.
ACTOS DO DOMINGO
O domingo iniciarase con pasarrúas, e a partir das once amenizará a xornada a banda de gaitas O Castro, que dará paso á recepción de autoridades no recinto feiral. Á unha, terá lugar a lectura do pregón, a cargo do escritor, xornalista e actor Antón Lopo. Pola tarde, a banda de gaitas O Castro ofrecerá un concerto ás seis, e a Mostra rematará coa actuación da orquestra Poceiro, a partir das sete.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

As adegas centenarias de Vilachá volven á vida

Seguinte Nova

A Xunta comprométese a iniciar os trámites para a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

Últimas noticias sobre EVENTOS

Ir aInicio

Don't Miss