•Os socialistas reclaman á Xunta que avalíe as perdas pola xeada e abra axudas aos viticultores
• A finais do mes de abril, o portavoz de Agricultura do Grupo Parlamentario socialista, José Antonio Quiroga, rexistrou unha batería de iniciativas na Cámara galega para pedir á Xunta que avalíe de xeito “urxente” as perdas económicas do sector vitivinícola nas zonas afectadas polas xeadas de finais do mes pasado. Quiroga solicitou ademais que o Executivo abra unha liña de axudas ao sector “para paliar os danos e realizar os traballos de recuperación da colleita nos casos en que aínda sexa posible”.
O portavoz socialista suliñou que as perdas poderían acadar, nunha primeira estimación, os 72 millóns de euros, cun volume de produción estragado de 16,3 millóns de quilos de uva. Quiroga precisou que, con estes datos, serían preto de 21,7 millóns de botellas de viño as que non chegarían aos mercados por mor deste dano.
Quiroga precisou que as zonas máis afectadas son as Denominacións de Orixe de Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra. O voceiro socialista advertiu que os produtores e adegueiros “están desprotexidos pola perda da colleita ao non poder cumplir as expectativas de calidade, recolleita e venda”.•
O BNG reclama a declaración de zona catastrófica polas xeadas e pide axudas directas para o sector
•A deputada nacionalista na Cámara galega, Olalla Rodil, visitou os viñedos afectados na Ribeira do Cabe
Rodil insistiu en que “o Goberno galego ten que asumir que o viño é un sector fundamental e necesario nesta zona, polo que ten que asumir tamén as súas responsabilidades para protexer ás persoas que apostaron por vivir do viño”. “O BNG vai estar ao carón de produtores, adegueiros e comercializadores, defendendo o sector”, afirmou Rodil.•
Sober decreta solicitar zona de emerxencia para os viñedos
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, tomou esta decisión logo de manter un encontro cos viticultores no Concello, e despois de comprobar sobre o terreo o efecto das xeadas sobre as viñas.
No decreto, o Goberno local ponse á disposición dos técnicos da Consellería de Medio Rural para proceder ás tarefas de campo que sexan precisas para avaliar os danos. As parroquias máis afectadas son as catro da Ribeira do Cabe, e tamén as de Refoxo, Neiras e Proendos, máis os danos puntuais en parcelas da subzona de Amandi, nas parroquias de Doade, Amandi, Lobios, Pinol e Santiorxo.
O Concello de Sober ofreceu a súa colaboración aos viticultores afectados para a tramitación de axudas.•