Monforte celebrará o Festival de Viños da Ribeira Sacra no verán

•O evento, orientado á promoción conxunta dos viños e dos atractivos da Ribeira Sacra, desenvolverase no Paseo do Malecón os días 14, 15 e 16 de xullo

José Manuel Rodríguez, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, e o alcalde de Monforte, José Tomé, na presentación do evento enolóxico, o pasado 6 de maio. EC
• Monforte recuperará este verán a súa vinculación cos eventos enolóxicos. Logo de 15 anos sen unha festa destas características, o Concello de Monforte e a Denominación de Orixe organizan o Festival do Viño da Ribeira Sacra, que terá lugar os días 14, 15 e 16 de xullo.
NECESIDADE DUN EVENTO ENOLÓXICO EN MONFORTE
Segundo explicou o alcalde, José Tomé, o equipo de goberno considerou que «Monforte non debe estar á marxe do mundo do viño», polo que trasladou a idea do festival do viño ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, «e foi ben acollida».
O rexedor monfortino explicou que a elección deste ano como data para arrancar o Festival do Viño da Ribeira Sacra coincide co vixésimo quinto aniversario da constitución da Denominación de Orixe. «O mundo do viño é unha das señas de identidade de Monforte, como capital da Ribeira Sacra e sede do Consello Regulador», suliñou Tomé.
ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS
Tanto o Concello como o Consello Regulador pretenden dar continuidade a este Festival do Viño da Ribeira Sacra, e arroupalo con diversos actos previos á súa celebración. Neste sentido, está prevista unha ampla axenda de actividades dende o mes de xuño, que incluirán exposicións, conferencias, espectáculos e concursos, entre outras.
SERÁ NO PASEO DO MALECÓN, Á SOMBRA E CO FRESCO DO RÍO CABE
Para facer fronte ás altas temperaturas do mes de xullo, os stands do Festival do Viño da Ribeira Sacra estarán instalados no Paseo do Malecón, «unha zona integrada na cidade por unha zona peatonal próxima, e cun ambiente de sombra e fresco preto do río Cabe», sinalou o alcalde.
SUPERAR O CLÁSICO FORMATO DAS FEIRAS DO VIÑO
Pola súa banda, o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, sinalou que «hai sensibilidade no sector do viño para levar adiante eventos con planteamentos distintos aos dos concellos», en referencia ao formato das feiras do viño. Nesta ocasión, o evento de Monforte busca ser un «espazo común para todas as adegas da Ribeira Sacra». Neste sentido, Rodríguez gabou a distribución dos espazos en jaimas separadas que terá o Festival, «porque dá máis mobilidade que o formato pechado de carpa».
José Manuel Rodríguez adiantou que, a comezos de maio, xa estaban inscritas 20 adegas, aínda que se calcula que cheguen á trintena de participantes.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Aberto o prazo de selección de empresas lucenses para contratar 40 mozos do LugoWork

Seguinte Nova

A XVII Carreira Popular Rota do Románico celebrarase en Pantón o 27 de maio pola tarde

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: