A Deputación investiu en Sarria 700.000 euros para mellorar os servizos

•O presidente do organismo provincial fixo balance das partidas destinadas ás prestacións públicas en Sarria no orzamento de 2016

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, acompañado da alcaldesa e membros da corporación, conversou con usuarios e traballadores da Residencia de maiores de Sarria. GPDL
• O pasado 6 de xuño, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, achegouse a Sarria para facer un balance dos investimentos realizados polo organismo provincial na vila xacobea. Campos Conde lembrou que a Deputación destinou 700.000 euros no Orzamento de 2016 para a mellora das prestacións públicas neste municipio.
120.000 EUROS NA RESIDENCIA DE MAIORES
O mandatario provincial, acompañado pola alcaldesa, Pilar López Yáñez, e membros da corporación local, mantivo un encontro co persoal e os usuarios da Residencia pública de maiores. A Deputación destinou, con cargo aos Orzamentos do ano pasado, un total de 120.000 euros que garantiron, segundo destacaron os responsables provinciais, o funcionamento deste centro. Esta partida serviu para pagar as nóminas dos preto de 50 profesionais da plantilla da Residencia, e tamén para rehabilitar a sala de espera e de recepción, así como para adquirir material de lavandería e equipamento téxtil. Campos Conde suliñou a importancia desta partida, que responde á primeira petición que lle fixo a alcaldesa de Sarria logo de iniciar o seu mandato á fronte da institución provincial.
A atención aos maiores por parte da Deputación tamén se materializou, segundo precisou Campos Conde, no financiamento do Servizo a Domicilio, que atende en Sarria a 13 maiores, aos que hai que sumar outros 57 usuarios do servizo de Teleasistencia gratuíta. A Deputación destina máis de 25.000 euros a financiar en Sarria estes dous servizos.
OUTROS INVESTIMENTOS
Durante a súa visita á vila xacobea, Campos Conde supervisou outras actuacións custeadas con fondos provinciais. Un total de 11 rúas contan con novo alumeado máis eficiente, que suporá un aforro de máis de 3.000 euros ao ano para as arcas municipais. A Deputación investiu 31.500 euros nesta renovación. Outros 37.500 euros provinciais destináronse á dotación dun novo cadro eléctrico na piscina municipal, o que permitirá, segundo adiantou o presidente, a apertura desta instalación no inverno.
Os investimentos da Deputación en Sarria permitiron ademais realizar melloras na rede informática do Consistorio, que estaba totalmente obsoleta, segundo precisaron os responsables provinciais. A partida de 26.800 euros custeou a rehabilitación íntegra e a modernización de todo o sistema informático, o que permitirá, segundo destacaron dende a Deputación, mellorar o servizo de administración electrónica.
A Deputación financia con 74.300 euros a rehabilitación da Casa do Marqués da Vila, que se destinará a sede dos servizos sociais municipais. Tamén hai fondos provinciais para acondicionar a Ponte Ribeira, en concreto 150.000 euros, e o Concello está pendente dos permisos da Confederación Hidrográfica para iniciar os traballos.
En canto á dinamización social e cultural, a Deputación investiu en Sarria máis de 130.000 euros, co fin de acondicionar centros sociais, apoiar iniciativas de colectivos veciñais, e colaborar coa organización de eventos.
No eido do emprego, a Deputación destinou 66.000 euros a Sarria no programa DepuEmprego, e outros 22.000 para a elaboración da Relación de Postos de Traballo do Concello.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

En marcha os traballos de desbroce en estradas municipais de Sober

Seguinte Nova

Presentan o cartel do Festival do Viño da Ribeira Sacra

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: