Música, natureza, gastronomía e arte daranse cita en Monforte e Sober no festival internacional 17º Ribeira Sacra

•Artistas nacionais e internacionais ofrecerán concertos en localizacións emblemáticas destes dous concellos da Ribeira Sacra

De esquerda a dereita, o director de i-radia Crea, Carlos Montilla; o deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde; o alcalde de Monforte, José Tomé; e o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, na presentación do festival internacional 17º Ribeira Sacra, que se celebrará do 28 ao 30 de xullo. GPDL
• Os días 28, 29 e 30 de xullo, terá lugar en varios puntos de Monforte e de Sober o festival internacional 17º Ribeira Sacra, unha cita que reúne música, natureza, turismo, gastronomía e arte nunha mesma fórmula lúdica. A presentación do programa do 17º Ribeira Sacra celebrouse no embarcadoiro de Doade a comezos de xuño, coa presenza do responsable da empresa organizadora, Carlos Montilla, o deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e os alcaldes de Monforte e Sober, José Tomé e Luis Fernández Guitián.
MÁIS DE 2.000 PERSOAS
A celebración deste evento conta cunha achega de 20.000 euros da Deputación, principal patrocinador deste festival. “Apostamos polas grandes e únicas potencialidades naturais, patrimoniais ou gastronómicas da Ribeira Sacra para dinamizar e impulsar o sur de Lugo”, precisou Vidal Baamonde. A xeración de riqueza para frear o despoboamento do rural ten neste tipo de iniciativas unha das maiores oportunidades, segundo explicou o responsable provincial de Turismo para xustificar o apoio da Deputación a un evento que prevé atraer a máis de 2.000 persoas.
Pola súa banda, o Concello de Monforte colabora cunha aportación de 3.000 euros e a cesión gratuíta de espazos para acampada. Así mesmo, tanto o Concello monfortino como o de Sober ceden os espazos de celebración das actividades. O festival conta tamén coa colaboración co Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e da Xunta de Galicia.

SOBER ABRE OS CONCERTOS
O festival 17º Ribeira Sacra comezará o venres 28 de xullo ás catro da tarde, hora á que abrirán as billeteiras e as zonas de acampada. O primeiro concerto do festival será ás 18,00 horas no Mirador de Santiorxo, en Sober, onde os asistentes poderán disfrutar da música de Néstor Pardo.

CONCERTOS EN ADEGAS E NO PARADOR
O sábado 29 de xullo terá lugar o segundo concerto, ás 12 horas, a cargo de Virginia Maestro no embarcadoiro de Doade, cun segundo pase ás 16,30. A actuación de Ángel Stanich será ás 12,30 na adega Rectoral de Amandi, e ás 14 horas actuarán Os Amigos dos Músicos na adega Regina Viarum. O grupo The Wellgreen ofrecerá o seu concerto en Adega Algueira ás 17 horas, e a seguinte cita será ás 18 horas, coa actuación, na igrexa de San Xulián de Lobios, da banda de jazz Sumrrá. O estadounidense M. Ward ofrecerá a súa música en Regina Viarum, ás 19 horas.
A xornada completarase con macroconcerto que terá lugar, a partir das 20,30 horas, no Parador de Monforte, coa actuación, entre outros, de Iván Ferreiro, The Magic Numbers e Novedades Carminha.
O domingo 30 de xullo haberá dúas actuacións simultáneas, ás 14 horas. A banda galega Best Boy ofrecerá o seu concerto en Regina Viarum, e Germán Díaz actuará na adega Rectoral de Gundivós, onde tamén se celebrará un xantar.
A festa de clausura terá lugar ás 17 horas no embarcadoiro de Doade.
Os concertos que se celebrarán nas adegas e no Parador de Monforte teñen un prezo de 44 euros por persoa, e as entradas poden mercarse a través da web www.ataquilla.es.•

•ACTIVIDADES E SERVIZOS NO FESTIVAL 17º RIBEIRA SACRA

•O festival 17º Ribeira Sacra ofrece tamén visitas guiadas e roteiros gratuítos aos municipios de Monforte e Sober
•Haberá catas de viños en adegas como Rectoral de Amandi, Regina Varium, Rectoral de Gundivós, e Adega Algueira
•Nos emprazamentos do festival instalaranse postos food truck cunha ampla variedade de xantares, dende comida de autor ata pratos tradicionais, pasando por comida sen glute e vegana

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Máis de 200 xogadores achegáronse a Pantón para participar nos recentes torneos de Augas Santas

Seguinte Nova

Monforte premia aos mellores deportistas da tempada na Gala do Deporte

Últimas noticias sobre EVENTOS

A %d blogueros les gusta esto: