Nova ordenanza de recadación dos impostos municipais

•A Deputación incorpora aprazamentos e fórmulas que faciliten o pago dos impostos nos 62 concellos nos que se encarga da súa recadación

A deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, presentou a nova ordenanza a finais do mes pasado. GPDL
• O Goberno provincial vén de presentar a nova ordenanza de recadación dos impostos municipais, na que ofrece facilidades de pago aos veciños dos 62 concellos que teñen delegada na Deputación este cobro.
MEDIDA «PARA DEFENDER AOS VECIÑOS»
Segundo explicou a deputada de Economía, Mayra García Bermúdez, esta ordenanza elaborouse «para defender aos veciños, tendo en conta a subida impositiva aplicada polo Goberno central», e dadas as posibilidades que ten a Deputación ao ter as competencias recadatorias nos municipios que «non teñen nin medios humanos nin cartos» para desenvolver este traballo. «Estes cartos ingresámolos nas arcas municipais, e incluso adiantamos con fondos propios desta institución para axudar aos Concellos», salientou García Bermúdez, que insistiu en presentar esta ordenanza como «unha medida máis coa que buscamos unha Deputación coas persoas».
DIVERSOS FRACCIONAMENTOS PARA O PAGO DE DÉBEDA
A nova ordenanza permite fraccionar o pago do IBI, IAE e o imposto de vehículos. Con débedas inferiores a 3.000 euros, poderase fraccionar o pago en 12 meses, e se a débeda é superior, o pago poderá espaciarse en 24 meses.
Ademais, os cidadáns que xustifiquen dificultades económicas poderán solicitar un calendario provisional de pago. O actual aval bancario que agora se esixe para unha débeda de 6.000 euros non se esixirá mentres non se superen os 30.000 euros.
LIMITACIÓN ÁS POXAS POR IMPAGOS
A nova ordenanza tamén limita as poxas de bens inmobles por impagos. Así, non haberá poxa no caso de bens inmobles en xeral con débedas inferiores a 3.000 euros. Segundo precisou García Bermúdez, esta medida beneficiará a preto de 24.000 persoas, e supón unha cifra de máis de 7 millóns de euros.
Aínda que a débeda supere os 4.000 euros, non haberá poxa se os servizos sociais informen dunha situación de precariedade ou exclusión social. Nesta situación contabilízanse, actualmente, un total de 372 persoas na nosa provincia, que suman unha débeda por este concepto de 4,3 millóns de euros.
Tampouco se procederá á poxa dunha vivenda habitual ou inmoble para actividades agrogandeiras cando a débeda sexa inferior aos 4.000 euros. Esta decisión beneficia a máis de 24.000 persoas na provincia, e a suma dos importes acada os 7,6 millóns de euros.
En calquer caso, as débedas poderán liquidarse aplicando os correspondentes fraccionamentos que introduce a nova ordenanza.
«MENOS CUSTOS E MÁIS LIQUIDEZ» PARA OS CONCELLOS
Por outra banda, a deputada de Economía explicou que esta medida beneficia tamén aos propios concellos, «aforrando máis custos e gañando liquidez». García Bermúdez precisou que a ordenanza aprobada polo Goberno provincial suporá unha redución na retención que se aplicaba na recadación, que pasa do actual 3% ao 1%, o que, traducido en cifras, suporá un aforro municipal de máis de 700.000 euros.
Outra medida favorable aos Concellos é que a Deputación vai adiantar cada mes a recadación dos impostos anuais, cunha inxección mensual de 3,3 millóns de euros.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

As Festas e Feiras da Primavera do Páramo cumpren 41 anos

Seguinte Nova

Ata o 15 de xuño para inscribirse nos 3 novos cursos do LugoWork

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: