Aberto o prazo para inscribirse no Programa Deportivo de Verán de Monforte

•Un total de 9 actividades compoñen a oferta de actividades, ao longo de xullo e agosto

As actividades do Programa Deportivo de Verán buscan ofrecer unha opción de ocio lúdica e saudable, e axudar á conciliación da vida laboral e familiar. Arquivo EC
• Dende o 9 de xuño está aberto o prazo de inscrición nas actividades do Programa Deportivo de Verán de Monforte. A oferta inclúe 9 propostas, que inclúen o Campamento Deportivo organizado polo Concello, e diversos Campus específicos de voleibol, ximnasia rítmica, baloncesto, fútbol ou tenis, organizados polos clubes en colaboración do Concello.
CAMPAMENTO DEPORTIVO EN DÚAS QUENDAS NO MES DE XULLO
O Campamento Deportivo desenvolverase no mes de xullo en dúas quendas, de luns a venres de 10 a 14 horas. As inscricións para a quenda do 3 ao 14 de xullo poden realizarse ata o 30 de xuño, e as da segunda quincena ata o 14 de xullo.
A XIMNASIA RÍTMICA ABRE O VERÁN
O primeiro campus que abre o verán é o de ximnasia rítmica, organizado polo Club Quicela do 26 de xuño ao 1 de xullo, no pavillón de A Pinguela.
VOLEIBOL E VOLEI PRAIA A ELIXIR
O voleibol ofrece varias posibilidades lúdicas para este verán, enfocadas ao volei praia polo club Korbis e o Club Fluvial, e ao voleibol de competición no Campus Ribeira Sacra Monforte.
Do 7 ao 9 de xullo terá lugar o Torneo de Volei Praia Club Korbis-Club Fluvial, para todas as categorías, con prazo de inscrición ata o 3 de xullo.  Ademais, durante todo o mes de xullo desenvolverase o Campus de Volei Praia, de luns a venres agás festivos, en horario de 10,30 a 12,30 horas. As inscricións no Campus, cun prezo de 65€ por persoa, realizaranse ata o 25 de xuño. Ambalas dúas actividades desenvolveranse no Club Fluvial.
Por outra banda, do 7 ao 11 de agosto terá lugar o Campus de Voleibol Ribeira Sacra Monforte, no Pavillón Municipal de A Pinguela, en horario de 10 a 13,30 horas. A actividade, organizada polo Club Ribeira Sacra, vai destinada a rapaces e rapazas de 7 a 16 anos, e ten un prezo de 30 euros por persoa con bonificación para familias do 50% a partir do segundo fillo inscrito.
2 CAMPUS DE FÚTBOL
O fútbol contará coas dúas iniciativas xa consolidadas no verán monfortino. Do 31 de xullo ao 4 de agosto, celebrarase no Campo Municipal Luis Bodegas o XI Campus de Fútbol Cidade de Monforte-R.C. Celta de Vigo. Poderán participar nenos e nenas entre 7 e 14 anos, nunha actividade que se desenvolverá de 10 a 13 horas. O prezo é de 26,91 euros, bonificado nun 50% para familias numerosas. O traballo no Campus estará a cargo de monitores das categorías inferiores do R.C. Celta de Vigo.
Por outra banda, o III Depor Campus Monforte terá lugar do 24 ao 28 de xullo nas instalacións deportivas dos Escolapios. A participación está orientada a nenos e nenas de 6 a 14 anos. O prezo é de 120 euros, e haberá descontos específicos.
CAMPUS DE TENIS EN XULLO E AGOSTO
Ao longo dos meses de xullo e agosto desenvolverase o Campus de Tenis, que organiza o Concello de Monforte. A actividade está planteada para nenos e nenas de 6 a 12 anos, cun prezo de 20,70 euros ao mes, e bonificación do 50% por familia numerosa. As clases, dunha hora de duración, desenvólvense nas pistas municipais de A Pinguela os martes e xoves entre as 10 e as 13 horas, segundo os grupos clasificados por idades.
As inscricións deben realizarse antes do 30 de xuño para as clases de xullo, e antes do 31 de xullo para as sesións de agosto.
CAMPUS DE BALONCESTO
O basket terá o seu espazo do 21 ao 25 de agosto, co VI Campus de Baloncesto Cidade de Monforte.  As xornadas desenvolveranse no pavillón de A Pinguela, de 10 a 13 horas, para rapaces e rapazas de 6 a 14 anos. O prezo é de  18 euros, con bonificación do 50% por familia numerosa. O campus está organizado polo Concello de Monforte e o Club Val de Lemos. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Lugo, Sarria e Monforte abren o verán cos XII Xogos do Eixo Atlántico

Seguinte Nova

Convenio entre Abanca e o comercio asociado de Chantada

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: