A mostra, instalada na Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo, repasa a biografía artística e persoal da pintora viveirense a través de 25 obras pertencentes a varias etapas. O perfil de Mallo pódese pescudar a través das ilustracións, cartas, catálogos de exposicións e documentos presentes na mostra, como a acta da bolsa que lle concedeu a Deputación de Lugo entre os anos 1926 e 1929, así como o negativo orixinal de Maruja Mallo co poeta Pablo Neruda. Ademais, pode verse unha entrevista de televisión feita por Joaquín Soler Serrano á artista viveirense para o programa “A fondo”. A obra de Mallo convive nesta exposición con 35 pezas doutros tantos artistas contemporáneos ou próximos á pintora lucense, como Picasso ou Miró.
A mostra sobre Maruja Mallo complétase con catro proxectos de Montse Rego, Renata Otero, David Catá, e Félix Fernández, artistas contemporáneos nados en Viveiro.•