O proxecto conta co apoio da Deputación, que está a investir 2 millóns de euros na mellora dos servizos públicos en Ribas de Sil
• A Deputación de Lugo destina este ano un total de 217.000 euros ao Concello de Ribas de Sil dentro do Plan Único, para continuar realizando melloras en dotacións e servizos públicos, ademais de financiar proxectos que impulsen a actividade económica, o emprego e o turismo. Un dos proxectos que o Concello de Ribas de Sil presentou ao Plan Único foi a construción dun camping municipal, que estará situado preto da área recreativa e da ponte sobre o Sil, unha das zonas máis visitadas do municipio. Segundo explicaron o alcalde, Miguel Sotuela, e o tenente de alcalde, Roberto Castro, o camping dará servizo a preto de 100 persoas, e estará organizado en tres espazos, destinados a acampada, caravanas e bungalós.
O proxecto, que xa está en fase de redacción, financiarase cunha achega da Deputación de 96.600 euros a través do Plan Único, e cunha aportación de 329.000 euros procedentes de fondos propios do Concello.
•O presidente provincial visitou Ribas de Sil para supervisar as obras da nova residencia e centro de día
O mandatario provincial salientou a partida de 1,2 millóns de euros destinada á construción da residencia e centro de día públicos de Ribas de Sil, que se atopa en proceso de execución.
Por outra banda, Campos Conde fixo referencia aos preto de 600.000 euros que a Deputación achegou durante este ano e medio para acondicionar vías de comunicación e dotacións xa completados, así como para a mellora de servizos públicos, con cargo ao Orzamento de 2016.
Por último, o titular provincial salientou as novas actuacións que se financiarán durante este exercicio en Ribas de Sil, con máis de 200.000 euros procedentes do Plan Único co que a Deputación financia actuacións na totalidade dos municipios da provincia.
Na súa visita a Ribas de Sil, Campos Conde supervisou as obras de construción da residencia e centro de día públicos, na rúa Hermanos Pedrosa. A Deputación financia os custes da edificación con 1,2 millóns de euros, e aparte achegará a correspondente partida para acometer os gastos do equipamento. Pola súa banda, o Concello aporta 200.000 euros e a cesión dos terreos.
O presidente da Deputación salientou que a localización da residencia en San Clodio, en plena capitalidade municipal, permitirá que os 30 usuarios da residencia e os 11 do centro de día poidan manter a súa relación coa vida veciñal. Os responsables provinciais estiman que as obras rematen nuns meses.
En canto a dotacións, Campos Conde lembrou o investimento de case 360.000 euros na mellora da estrada LU-P-5303 de San Clodio por Torbeo, e os 20.000 euros para a pavimentación do acceso a Figueirido, zona adicada á produción de cereixa e na que viven 25 familias. Así mesmo, a Deputación investiu 20.000 euros en arranxar varias rúas de San Pedro, o segundo núcleo de Ribas de Sil en poboación, con 80 familias.•
•Atención aos maiores, emprego e infraestruturas públicas
Así mesmo, a Deputación xerou catro novos postos de traballo a través do programa DepuEmprego 2016, polo que o organismo provincial subvenciona con 32.220 euros os custos laborais deste persoal.
Na visita a Ribas de Sil, o mandatario provincial supervisou os arranxos que a Deputación financiou no Centro de Saúde e no edificio do Concello. O investimento, de 16.000 euros, serviu para instalar un novo sistema de calefacción que dá servizo aos dous edificios, moi frecuentados polos veciños. O sistema é máis eficiente, tanto no aspecto medioambiental como no económico, xa que permite un aforro de preto de 4.000 euros nos gastos correntes por este concepto, asumidos polo Concello.
Outro dos investimentos financiados pola Deputación foi a mellora da traída da auga en Viardonas, cunha partida de 18.000 euros. Con este arranxo, solucionouse o problema de suministro provocado pola baixa presión.•