Turismo de Galicia sensibiliza aos peregrinos sobre seguridade viaria

Manuel López Vázquez, presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago; Jeanne Picard, delegada en Galicia de Stop Accidentes; e Rafael Sánchez, xerente do Xacobeo, na presentación da campaña “Peregrina Seguro”. GPXG
• A mediados de xuño, presentouse en Santiago a campaña “Peregrina Seguro”, unha iniciativa promovida por Turismo de Galicia para fomentar a seguridade viaria no Camiño de Santiago durante este verán. A campaña conta coa colaboración da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, e Stop Accidentes.
FOLLETOS EN SEIS IDIOMAS CON RECOMENDACIÓNS PARA OS PEREGRINOS A PÉ
Co fin de concienciar aos peregrinos, estase a distribuir material informativo en forma de folletos que inclúen consellos para evitar posibles accidentes. As recomendacións están redactadas en galego, castelán, inglés, francés, italiano e alemán, para resultar asequibles aos peregrinos das diversas procedencias. Entre as medidas a adoptar polos peregrinos no seu itinerario, recoméndase o uso de prendas claras ou reflectoras, a importancia de mirar antes de cruzar unha estrada e non deterse nela, así como camiñar no sentido contrario á circulación, para poder ver os vehículos e ser visto mellor polos condutores.
CONSELLOS PARA PEREGRINOS EN BICICLETA
Para os peregrinos que empreguen a bicicleta como transporte polas rutas xacobeas, a campaña insiste na importancia do uso do casco, e de circular en grupos de dous en tramos de boa visibilidade. Ademais, lémbrase a necesidade de achegarse o máis posible ao borde dereito da calzada e usar a beiravía, así como incrementar a atención nos tramos con curvas ou cambios de rasante.
Segundo explicou o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, na presentación da campaña, esta iniciativa actúa na liña do Plan Director do Camiño de Santiago, que busca incrementar a seguridade viaria ao longo de todas as rutas xacobeas, mellorando a sinalización e incorporando pasos peonís e outras vías de tránsito. Esta campaña de sensibilización contribúe, segundo Sánchez, a que os peregrinos melloren a súa experiencia de viaxe.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Os concellos lucenses terán máis de 1,4 millóns para mellorar camiños rurais

Seguinte Nova

A Pobra do Brollón celebra a IV Feira Medieval Guímara

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

   
A %d blogueros les gusta esto: