Concertos, rutas enolóxicas e obradoiros infantís no Festival do Viño da Ribeira Sacra

Máis de 20 adegas e varios postos gastronómicos ofrecerán os seus produtos en Monforte

O presidente do C.R.D.O. Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, na presentación do Festival do Viño no Hostal dos Reis Católicos en Santiago, o 12 de xuño. (Foto: Simón Vázquez- CRDO)
• Os días 14, 15 e 16 de xullo, desenvolverase no Paseo do Malecón e a Praza de España de Monforte de Lemos o Festival do Viño da Ribeira Sacra, que celebra os primeiros 25 anos de historia do Consello Regulador da Denominación de Orixe. Con este motivo, máis de 20 adegas e case media ducia de postos gastronómicos estarán presentes na capital da Ribeira Sacra, para ensalzar de xeito lúdico a súa identidade e o vínculo co viño.
OÎMA E SUSANA SEIVANE, O VENRES
A apertura dos stands terá lugar o venres 14 de xullo ás seis da tarde, e a inauguración oficial do Festival será ás oito. A música ocupará a noite desta primeira xornada, coa actuación musical de Oîma ás dez e media, e o concerto de Susana Seivane a partir das doce.
RUTAS O SÁBADO, E ACTUACIÓNS DE BRATH E D’VACAS
O sábado 15 de xullo, iniciaranse as rutas incluídas no programa do Festival. Ás dez da mañá, os participantes sairán do Parque dos Condes para emprender a ViñoRuta do Miño “Sabor a Ribeira Sacra”, con visitas a dúas adegas en Fión e Chantada, unha ruta de sendeirismo polos Codos de Belesar e viaxe en barco polo Miño.
Ás cinco da tarde, partirá do Parador de San Vicente a ruta “Do Viño e da Auga”, un itinerario a pé por Monforte, cunha visita guiada á zona de ámbito xudeu, un percorrido polo Centro do Viño da Ribeira Sacra con degustación de viño e gastronomía, e un paseo en barca tradicional polo río Cabe.
Os stands do Festival estarán abertos a fin de semana dende as 11 da mañá. Ademais, os concertos da noite estarán a cargo de Brath, ás dez e media, e D’Vacas, a partir das doce.
MÁIS RUTAS O DOMINGO
O domingo continuarán as rutas, cunha nova quenda do itinerario “Do Viño e da Auga” ás cinco, e a ViñoRuta do Sil “Safari Fotográfico da Ribeira Sacra” ás dez da mañá. O percorrido inclúe unha viaxe fluvial polo Sil dende Os Chancís, e visitas ao Centro Oleiro de Gundivós e dúas adegas con degustación.
Todas as rutas deberán reservarse previamente, e os tickets estarán á venda no stand do Consello Regulador da Denominación de Orixe.
OBRADOIROS INFANTÍS
Os máis cativos tamén terán o seu espazo no Festival do Viño, con dúas modalidades de obradoiros. Os talleres “Con Imaxinación” inclúen o sábado un obradoiro de barcos de corcho ás doce e media, e pola tarde outros de broches de goma eva ás seis e media, de cepa papel maché ás oito e media, e de cestería con material reciclado ás dez. O domingo haberá dous obradoiros de corcho e goma eva á unha e ás tres e media.
Por outra banda, os obradoiros infantís tradicionais “Imos vendimar un conto! Imos pescar unha historia!” terán lugar o sábado ás doce, seis, oito e nove e media, e o domingo ás doce e media e ás cinco.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Pantón acollerá a 5ª edición do torneo europeo de golf feminino Ribeira Sacra Patrimonio de la Humanidad

Seguinte Nova

Quiroga comeza o verán co Night Trail e o Campus de Fútbol

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Chantada contra o cancro

A solidariedade e a conciencia social uníronse en Chantada nunha loita colectiva contra o cancro. No pasado mes de decembro, a directiva
Ir aInicio

Don't Miss