O Marco da Pedra Longa voltou a Sober

•Este menhir poderá verse no Centro de Recepción de Visitantes, logo dunha limpeza en profundidade

Imaxe da chegada a Sober do menhir Marco da Pedra Longa, o pasado 27 de xuño. GPCS
• O Concello de Sober vén de recuperar unha peza do seu pasado, coa instalación no Centro de Recepción de Visitantes do menhir Marco da Pedra Longa.
PEZA DE GRAN VALOR ARQUEOLÓXICO
A peza foi atopada no lugar da Veiga, parroquia de Canabal, polo arqueólogo Iván Álvarez Merayo durante un control arqueolóxico para as obras de mellora da liña férrea. Cunha morfoloxía propia do Neolítico, o menhir é unha peza de granito de 176 centímetros de longo, cun diámetro variable entre os 110 e os 180 centímetros. O lugar no que estivo emprazado o menhir está preto dun linde entre parroquias e municipios, polo que se interpretou como un marco divisorio medieval.
MELLOR EN SOBER
O menhir permanecía dende 2002 no patio do Museo Provincial de Lugo, e o seu traslado a Sober foi autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta baseándose na proximidade ao lugar do achado, e ás favorables condicións que presenta o Centro de Recepción de Visitantes de Sober para a conservación da peza. Ademais, valorouse a “mellor función cultural” que tería a peza neste novo emprazamento
LIMPEZA ANTES DA SÚA EXPOSICIÓN
Nestes días, o restaurador Pepe Barxa encargarase da limpeza en profundidade do menhir, para a súa posterior exhibición no Centro de Recepción de Visitantes de Sober, “como un atractivo máis para os visitantes”, segundo apuntou o alcalde, Luis Fernández Guitián.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Sober, parada do Tren do Viño da Ribeira Sacra

Seguinte Nova

Monforte, sede dun curso de teleformación para incorporar mozos ao agro

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: