A Xunta leva investidos en Monforte máis de 8 millóns de euros no último ano

•Balseiro destacou que a autonómica é a administración que máis inviste na cidade do Cabe

O delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, supervisou os traballos da depuradora do Porto Seco, acompañado polo alcalde, José Tomé, e a portavoz do PP no Concello, Julia Rodríguez. GPDTL
• A mediados de xullo, o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, achegouse a Monforte para supervisar os traballos da depuradora do Porto Seco, que o Executivo autónomico financia ao 50% co Concello de Monforte. Na súa visita, Balseiro aproveitou para facer un balance dos investimentos da Xunta na cidade do Cabe, e que superan os 8 millóns de euros no último ano.
APOIO ECONÓMICO E TÉCNICO PARA A CONSTRUCIÓN DA DEPURADORA
Balseiro destacou a aportación de 150.000 euros que fixo a Xunta para financiar a depuradora do Porto Seco, ademais de asumir a redacción do proxecto, “aínda que o saneamento é un asunto de competencia exclusivamente municipal”, apuntou. O delegado da Xunta en Lugo suliñou a importancia desta infraestrutura, “moi necesaria e demandada para garantir a prestación de servizos ás empresas que decidan instalarse”. Balseiro lembrou así mesmo os esforzos da Xunta a prol do Porto Seco, ao investir na súa urbanización, na mellora das comunicacións, e na oferta de prezos vantaxosos para a adquisición das parcelas.
SERVIZOS SOCIAIS NA CIDADE
En canto á prestación de servizos, José Manuel Balseiro detallou as diferentes partidas que a Xunta destinou neste último ano a Monforte. En concreto, o Executivo autonómico adicou máis de 454.000 euros para o Servizo de Axuda no Fogar a persoas dependentes, 1,8 millóns para as 95 prazas concertadas do centro ocupacional de Prodeme, e 2,5 millóns para as 28 que ofrece no mesmo réxime na residencia de Geriatros. Ademais, a Xunta achegou 225.000 euros para os centros dependentes da asociación Agora, e a totalidade das prazas ofertadas na residencia pública do Malecón, cun investimento de máis de 645.000 euros.
Así mesmo, a Vicepresidencia da Xunta destinou preto de 40.000 euros para o Centro de Información á Muller (CIM) de Monforte, que dá servizo a toda a comarca de Lemos.
VARIAS ACCIÓNS PARA IMPULSAR O EMPREGO
O fomento do emprego tamén contou con achegas da Xunta de Galicia. José Manuel Balseiro salientou os preto de 180.000 euros destinados ao obradoiro de emprego, no que participaron 20 alumnos, e as achegas de case 200.000 euros para contratar a un total de 30 beneficiarios da Risga en 2016 e 2017. Así mesmo, a Xunta aportou en Monforte preto de 10.000 euros para financiar os custes laborais do axente de emprego, e preto de 7.000 euros para as obras realizadas na Praza de Abastos.
MELLORAS NOS CENTROS EDUCATIVOS
No eido da educación, Balseiro precisou que o Executivo autonómico investiu este ano arredor de 300.000 euros en melloras nos colexios e institutos de Monforte.
INFRAESTRUTURAS E APOIO AO RURAL
Os investimentos autonómicos en infraestruturas de Monforte incluíron preto de 400.000 euros no reforzo do firme nas estradas LU-661 e LU-617, así como outros 60.000 euros en varias melloras da Estación de Autobuses.  Ademais, dende a Vicepresidencia destinaron 40.000 euros a través do Fondo de Compensación Ambiental para mellorar o alumeado público no Paseo de Lugo e no Malecón.
No rural, adicáronse preto de 98.000 euros para mellorar 7 camiños municipais que dan acceso a explotacións agrogandeiras, aos que se suman os máis de 192.000 euros dos Plans de Mellora, os 107.500 euros para a incorporación de mozos ao rural, e preto dun millón en axudas da PAC.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Monforte, sede dun curso de teleformación para incorporar mozos ao agro

Seguinte Nova

A igrexa chantadina de Pesqueiras, unha das citas culturais do programa Monumenta

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: