•A alcaldesa considera necesarias a mellora das infraestruturas na zona e a inclusión desta área na IXP Castaña de Galicia
• Folgoso do Courel quere impulsar a mobilización de terras de cara a un maior aproveitamento do cultivo da castaña. Así o manifestou a alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, na xuntanza de traballo mantida o día 8 deste mes co director xeral de AGADER, Miguel Pérez Dubois. Castro solicitou a reunión para avaliar a proposta do Concello que recolle o interese dos veciños da parroquia de Moreda de poñer en valor e recuperar os soutos desta contorna.
Ademais, Castro puxo sobre a mesa a necesidade de mellorar as infraestruturas, de cara a favorecer os desprazamentos derivados da actividade económica do sector da castaña. Dolores Castro salientou, así mesmo, que o pulo que está a ter este cultivo no territorio exise iniciar unha colaboración entre a administración e os propietarios, para constituir unha asociación de produtores, e impulsar a inclusión da zona na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia. •