Catro obradoiros da Xunta darán emprego a 70 persoas en nove concellos do sur de Lugo

•Ademais, Sarria contará cun obradoiro propio, e O Páramo participará noutro conxunto con O Corgo e Guntín •En total, a Xunta porá en marcha 17 obradoiros en 30 concellos lucenses, cunha dotación de 4 millóns de euros para xerar preto de 400 postos de traballo

O delegado territorial reuniuse cos alcaldes dos municipios aos que lles corresponderon os obradoiros de emprego. GPDTL
• A Xunta vén de resolver, a finais do mes pasado, a convocatoria dos novos obradoiros de emprego. Un total de 17 iniciativas de formación e emprego desenvolveranse en toda a provincia de Lugo, dos que 4 corresponden á zona sur, un a Sarria e outro compartido por O Páramo con 2 municipios.
A dotación total da Xunta para financiar os obradoiros na provincia de Lugo é de 4 millóns de euros, nunha medida que prevé a creación de preto de 400 postos de traballo, entre alumnos e persoal de plantilla.
OBRADOIROS XERAIS E ESPECÍFICOS PARA MENORES DE 30 ANOS
En concreto, o ámbito de aplicación no sur da provincia será de nove concellos, xa que boa parte deles concorren de xeito conxunto. Os obradoiros aprobados son o promovido por Carballedo e compartido con Chantada, que ofrecerá as especialidades de operador de formigón e actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Pola súa banda, o presentado por Quiroga de xeito conxunto con Folgoso do Courel e Ribas de Sil dará formación e emprego en operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas, operador de formigón, e operacións básicas de revestimentos lixeiros e técnicos de construción. A estes dous hai que engadir os obradoiros específicos para menores de 30 anos, un para o concello de Pantón, en colaboración con O Saviñao e Sober, e outro impulsado polo Concello de Monforte. O obradoiro conxunto oferta as especialidades de fábricas de albanelería, e montaxe e instalación de construcións de madeira. Pola súa banda, o obradoiro de Monforte inclúe as especialidades de traballos de carpintería e moble, e de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. O obradoiro de Sarria formará en pavimentos e albanelería de urbanización, e en promoción turística local e información ao visitantes. O obradoiro no que participa O Páramo céntrase en operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción, e en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.
FORMACIÓN, CONTRATO DE TRABALLO E CERTIFICADO DE PROFESIONALIDADE
Segundo explicou o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, esta quenda terá como novidade a ampliación de 6 a 9 meses da contratación dos participantes nos obradoiros xerais. Os alumnos destes obradoiros recibirán formación específica, ademais do contrato de traballo, e un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio español.
As accións correspondentes aos nove concellos do sur de Lugo permitirán a contratación de 70 persoas desempregadas, entre alumnos, persoal administrativo, monitores e persoal de dirección. A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina a estes catro obradoiros algo máis de 840.000 euros, un 24% máis que o ano pasado.
Está previsto que os obradoiros comecen en setembro.•

• A XUNTA FINANCIARÁ A CONTRATACIÓN DE 20 PERCEPTORES DA RISGA EN MONFORTE

• O Executivo autonómico subvencionará con algo máis de 230.000 euros os custos salariais de 20 perceptores da RISGA,  que serán contratados polo Concello de Monforte.
CONTRATOS DE 7 MESES
Segundo explicou Balseiro, estes traballadores realizarán tarefas de interese e utilidade social, por un periodo de sete meses.
CONTRA A EXCLUSIÓN SOCIAL
O obxectivo destas contratacións é favorecer a inserción laboral destas persoas, e evitar que se cronifique a situación de desemprego, co conseguinte risco de exclusión social.
TAREFAS DOS BENEFICIARIOS
O delegado da Xunta en Lugo precisou que, destes 20 beneficiarios, 12 adicaranse ao programa de mantemento de zonas verdes e xardíns, ademais de atender o punto limpo. Os outros 8 traballadores darán apoio no control de actividades culturais e de promoción económica que desenvolva o Concello de Monforte.•

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Grandes concertos, orquestras e animación nas rúas, nas Festas Patronais 2017 de Monforte

Seguinte Nova

Completada en Sober a instalación do menhir Marco da Pedra Longa

Últimas noticias sobre EMPREGO

A %d blogueros les gusta esto: