• A vila de Chantada encheuse de animación para celebrar o Folión de Carros. O 26 de agosto tomaron parte no desfile un total de 14 carros, unha participación que superou as rexistradas nos últimos anos. Este interese renovado polo Folión manifestouse tamén nas diversas actividades que tiveron lugar en Chantada en torno a esta celebración.
O 19 de agosto, o Auditorio Municipal acolleu a primeira edición das Xornadas Nacionais sobre o Folión de Carros, nas que ofreceron a súa visión desta cita festiva única en Galicia o historiador e director do Ecomuseo de Arxeriz, José Antonio Quiroga, o antropólogo Alfredo Valín, e o mestre e pregoeiro das Festas Patronais de Chantada deste ano, Félix Pérez. O evento, que estivo moderado por Guillermo Rodríguez, membro da Asociación de Amigos do Folión, incluiu a presentación do documental sobre esta festa que vén de realizar a Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo.
O Folión está a implicar, ano tras ano, a máis colectivos chantadinos, a través de actividades de dinamización nas datas previas ao desfile dos carros. A Asociación de Amigos do Folión, en colaboración coa Asociación de Empresarios de Chantada, entregou en agosto os premios ás mellores montaxes presentadas no Concurso de Escaparates. Esta iniciativas, que implicou a boa parte do comercio chantadino, tivo como gañadores aos establecementos Gómez Faílde, Óptica Parteme, e Electrodomésticos Lage.
Os maiores da Residencia Geriatros de Chantada tamén se sumaron á festa do Folión, coa elaboración de varios elementos decorativos. A creatividade dos máis pequenos tamén tivo o seu espazo, a través da realización dun mural urbano conmemorativo desta festa.
Así mesmo, na Casa da Cultura puido verse en agosto unha mostra sobre o espíritu do Folíon.•