Monforte, un dos escenarios da rodaxe da última película de Dani de la Torre

A responsable da produtora, Emma Lustres; o alcalde, José Tomé; e o director, Dani de la Torre, na rolda de prensa durante a rodaxe no Museo do Ferrocarril de Monforte. EC
•Lugo e Monforte foron dous dos escenarios da rodaxe da próxima película do director monfortino Dani de la Torre. O equipo de «La sombra de la ley», título do filme, traballou durante 12 días do mes de agosto en emprazamentos da cidade de Lugo, para o que contou coa colaboración do Concello e da Deputación de Lugo. Segundo precisou o presidente do organismo provincial, Darío Campos, o apoio da Deputación á rodaxe «contribúe a potenciar e prestixiar a Marca Lugo», ademais de supoñer unha «oportunidade única para os profesionais que saen da Fundación TIC».

 

O Museo do Ferrocarril converteuse no «túnel do tempo» preciso para a rodaxe de varias escenas de época. EC
ESCEAS NO MUSEO DO FERROCARRIL
A rodaxe, que comezou en Barcelona, centrouse sobre todo en Galicia, facendo parada en Monforte, no Museo do Ferrocarril de Galicia. A rodaxe neste emprazamento foi posible grazas ao convenio asinado en agosto entre o presidente do Patronato do MUFERGA, José Manuel Balseiro, e a responsable da produtora Vaca Films, Emma Lustres.
Durante os días de traballo en varios emplazamentos da cidade do Cabe, Lustres explicou que «era difícil non vir a rodar a Monforte», xa que o guión estaba cheo de apuntamentos feitos por Dani de la Torre sobre as localizacións monfortinas máis axeitadas para cada escea. «Como neto de ferroviario, coñezo ben a paisaxe en torno ao tren en Monforte», salientou o director, que agradeceu «o esforzo do pobo de Monforte e do Concello» para poder rodar na cidade do Cabe. O Museo do Ferrocarril tivo gran protagonismo neste traballo, coa rodaxe nocturna da escea do atraco ao tren, coa locomotora en marcha nas vías mortas, «xa que non se podía rodar en vía real nesta zona, polas normas de ADIF», explicou Lustres.
UNHA HISTORIA DE GÁNGSTERS NA BARCELONA DE 1920
«La sombra de la ley», que se estreará nos cines en agosto de 2018, aposta por unha historia de gángsters, ambientada na Barcelona dos anos 20. A cinta será o resultado dunha rodaxe «complicada, ao ser unha película de época», nunha aposta pioneira en España, «xa que os referentes de cine de gángster son todos americanos», comentou de la Torre. Lustres apuntou que este tipo de películas esixen que «todos os departamentos, perruquería, vestuario, estean ao 200% en todo momento, todo ten que estar perfecto». Ademais, require un amplo equipo de    arte e efectos dixitais, de xeito que «todos os escenarios de Monforte e Lugo van acabar sendo a Barcelona da década de 1920», explicou Lustres.
A produtora galega Vaca Films mobilizou un equipo global integrado por preto de 120 persoas, ás que houbo que engadir figurantes e traballadores de empresas locais, contratados para desenvolver tarefas específicas.
UNHA RODAXE «MOI ESPECIAL»
A idea de rodar en Monforte recordoulla a Dani de la Torre o propio alcalde, José Tomé, cando o convidou a ler o pregón das Festas Patronais de 2016. «Estou moi contento de rodar en Monforte, é moi especial», explicou o director. «Estou seguro de que a película vai sorprender», anunciou de la Torre, convencido de que o obxectivo é «que a xente vaia ao cine e disfrute deixándose levar pola historia».•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Rioseco continúa a tradición da Festa da Tortilla

Seguinte Nova

O Restaurante Merenzao entra na Guía Repsol

Últimas noticias sobre EVENTOS

A %d blogueros les gusta esto: