Música xuvenil para un territorio de futuro

“Courel Mountains” é o primeiro CD da Banda Folk de Ribas de Sil, co que se busca impulsar o recoñecemento do Xeoparque

A Banda Folk de Ribas de Sil está integrada por rapaces e rapazas, de entre 11 e 17 anos, de Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de Sil, os tres municipios vinculados á candidatura do Xeoparque Montañas do Courel. (Foto cedida: R.C.)
• Este verán, as festas de San Clodio contaron cun evento musical diferente, extraordinario pola súa orixinalidade e, tamén, pola súa trascendencia.
A MÚSICA, A MOCIDADE E A PAISAXE, UNIDAS PARA IMPULSAR O TERRITORIO
O 14 de agosto presentábase oficialmente o primeiro CD da Banda Folk de Ribas de Sil, unha formación con case dúas décadas de historia, e na que os seus membros representan a renovación xeracional na música e na sociedade. A gravación, baixo o título “Courel Mountains”, recollía o espíritu dunha comarca que trata de renovarse e mirar ao futuro dende a súa paisaxe e coa forza das súas xentes máis novas. Os sons da mocidade da comarca pretenden actuar como novo instrumento, musical neste caso, co que impulsar a candidatura do proxecto do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel. “Pensamos que era unha boa fórmula para poñer en relación a música e a promoción do territorio”, explicou Roberto Castro, concelleiro de Cultura en Ribas de Sil e director da Banda Folk, consciente da importancia de unir vontades e facer camiño, paso a paso, nota a nota, cara o futuro.
UN PROXECTO DE LONGO PERCORRIDO
Porque “Courel Mountains” non é fror dun día, nin tampouco o resultado puntual dunha arroutada, senón o froito dun proceso de esforzo e planificación para dar vida a un territorio. O primeiro CD da Banda Folk de Ribas de Sil foi posible pola consecución de medios, de persoas e de vontades ao longo dos anos. A Banda Folk, xurdida da escola municipal de música posta en marcha coa chegada ao Consistorio do actual equipo de goberno en 1999, deu saída ás inquedanzas musicais de varias xeracións de rapaces e rapazas. Para dar forma a este proxecto, o Concello de Ribas de Sil foi adquirindo, con axudas da Deputación de Lugo, o equipamento necesario, tanto de instrumentos como de gravación e reproducción, para facer posible os concertos da Banda Folk ao longo destes anos, e tamén as primeiras 1.200 copias do “Courel Mountains”. “Foron moitas horas gravando, con medios propios, aproveitando tamén a boa acústica que ofrece o novo Salón de Actos”, puntualizou Roberto Castro.
VERSOS DE UXÍO NOVONEYRA E MANUEL MARÍA, O ESPÍRITO DO COUREL
Ademais do equipamento técnico e o esforzo humano, “Courel Mountains” contou coa aportación inesquecible do tesouro literario das grandes voces dos poetas que cantaron ao Courel. Os once temas que integran o disco, musicados coa conxunción de instrumentos tradicionais e modernos, inclúen un recital cos versos de Uxío Novoneyra sobre o Courel, e as palabras de Manuel María que cantan a estas terras. A poesía destes grandes autores lucenses escóitase no disco na voz de Manuel Cao, mestre local, e a versión en inglés do recitado veu da man de John Andrews, profesor de español afincado en San Clodio, e colaborador en diversos proxectos desenvolvidos polo Concello de Ribas de Sil.
Xunto á música e a palabra, a imaxe rende protagonismo ás terras do Courel. Coidadas fotografías ilustran o disco con imaxes dos lugares máis senlleiros da contorna, como o meandro da Cubela ou o pregamento de Campodola, entre outros, captados pola cámara de Iván Álvarez Merayo, arqueólogo monfortino que colabora activamente no proxecto do Xeoparque.
AS MONTAÑAS DO COUREL, UNHA PAISAXE QUE UNE XENTES
Estas imaxes sirven de marco tamén para a propia Banda de Folk, integrada por nove rapaces e rapazas de Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga. A súa boa sintonía musical reflicte tamén, segundo precisou Castro, a sintonía que existe entre os tres Gobernos locais, á hora de promover e traballar en proxectos conxuntos. “Na Banda de Folk non hai fronteiras”, explicou o seu director, “trátase de unir aos habitantes dos tres municipios da montaña courelesa”, e isto abrangue tamén a actitude dos seus xestores, materializada na colaboración en obradoiros de emprego conxuntos, e na posta en común de medios técnicos e humanos. O proxecto do Xeoparque entra dentro destas iniciativas compartidas, demostrando que as Montañas do Courel non son das que separan, senón que unen aos pobos.
E con esta vontade universalista, os impulsores do Xeoparque aproveitarán as novas tecnoloxías para gravar en breve un videoclip, a cargo da Fundación TIC, co que amosar nas redes sociais os sons dunha terra primixenia e aberta ao mundo.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

En marcha os traballos de urbanización e mellora da Ponte das Bernardas en Ferreira

Seguinte Nova

En marcha unha nova edición do Viñobús Vendima

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: