A Xunta destina máis de 20 millóns de euros aos concellos lucenses para as súas prioridades

•Balseiro explicou que os concellos poderán utilizar estes cartos do Fondo de Cooperación Local “nas obras e servizos que estimen necesarios”

O delegado da Xunta en Lugo anunciou a partida do Fondo de Cooperación Local o pasado 19 de setembro. GPDTL
• Todos os concellos da provincia de Lugo van percibir unha nova inxección económica procedente do Fondo de Cooperación Local. A partida total para os municipios lucenses supera os 20 millóns de euros, e estará distribuida de acordo cos criterios obxectivos pactados coa Federación Galega de Municipios e Provincias, baseados principalmente nos datos de poboación.
AUMENTO DO 3%
Ademais, supón un 3% máis na dotación que a Xunta destina ao Fondo de Cooperación Local, segundo precisou o delegado do Executivo autonómico en Lugo. Respecto a este incremento, José Manuel Balseiro afirmou que “se hai un Goberno que traballa por todos os veciños e veciñas da provincia por igual, vivan onde vivan, e con independencia da cor política do seu alcalde, este é o da Xunta”.
APOIO AOS CONCELLOS PARA SEGUIR PRESTANDO SERVIZOS SEN MÁIS IMPOSTOS
En canto ao destino que deberán dar os concellos a estes cartos, Balseiro insistiu en que non están condicionados á execución dunha obra ou servizo concreto. “Os concellos poderán investir estas partidas no que estimen máis axeitado para os intereses dos seus veciños”, precisou.
Estes recursos servirán, segundo explicou o delegado da Xunta en Lugo, para que os concellos poidan continuar prestando os debidos servizos á cidadanía, mellorando as súas condicións de vida, e que o fagan sen necesidade de ampliar a carga impositiva que soporta a veciñanza”.•

• CRÍTICAS DO GOBERNO DA DEPUTACIÓN AO ANUNCIO DESTE INVESTIMENTO

• O Goberno provincial criticou que Balseiro “presuma” deste importe, xa que “só supón o 1,66% do total que a Xunta inviste en Lugo durante un ano”

• No mesmo día en que se anunciou o reparto do Fondo de Cooperación Local por parte do delegado da Xunta en Lugo, o voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, criticou que Balseiro “presuma” deste investimento de 20 millóns “que o Goberno galego fai de xeito obxectivo” nos municipios lucenses. Santos Ramos argumentou que “esta cantidade tan só representa un 1,66% do total dos fondos que a Xunta achega á provincia de Lugo durante un ano”, fondos que rondan os 1.200 millóns de euros, segundo apuntou o portavoz provincial.
LEMBRAN QUE A DEPUTACIÓN INVESTIU 20 MILLÓNS A TRAVÉS DO PLAN ÚNICO
O voceiro do Executivo da Deputación cualificou de “ridículo en comparación co orzamento que ten a Xunta” o investimento anunciado por Balseiro. Santos Ramos lembrou que, “fronte a isto, dende a Deputación achegamos outros 20 millóns a través do Plan Único”, cantidade equivalente “ao 25% do orzamento provincial”.
Ademais de insistir nesta comparativa entre os orzamentos de ambas institucións, Santos Ramos lamentou que máis do 98% dos fondos investidos pola Xunta na provincia ao ano distribúense “de xeito partidista e arbitrario”. Neste sentido, o voceiro provincial citou os 32 convenios asinados pola Xunta de xuño a decembro de 2016 con 21 concellos lucenses, por 16,1 millóns de euros. Santos Ramos precisou que o 80% deste importe destinouse a mellorar infraestruturas públicas só en 19 municipios con alcaldes do Partido Popular.
Santos lamentou a “clara discriminación” da Xunta con Lugo fronte ao resto das provincias, por destinar só o 13% do seu orzamento total.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

40.000 euros da Xunta para mellorar o Auditorio Municipal de Escairón

Seguinte Nova

A Xunta formaliza o contrato dos traballos de mellora da igrexa de Pinol

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: