•O Conselleiro de Economía visitou Monforte e animou ao alumnado do IES Daviña Rey a seguir formándose nas novas tecnoloxías
Na apertura do curso en Monforte estivo o conselleiro de Economía, Francisco Conde, que mantivo unha charla co alumnado do IES Daviña Rey, ao que animou a formarse nas novas tecnoloxías. Na súa visita ao centro monfortino, ao que cualificou de punteiro por contar cunha oferta formativa de amplo contido tecnolóxico, Conde lembrou que o futuro dos novos traballadores centrarase na industria 4.0, polo que resultará fundamental contar con profesionais cualificados en tecnoloxías dixitais.
Na provincia de Lugo, están a cursar ESO un total de 9.106 alumnos, mentres que en Bacharelato están matriculados 3.374. As Ensinanzas de Réxime Especial rexistraron en setembro 1.466 matriculados.
Días antes, iniciábase o curso para 20.193 alumnos lucenses de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial, nun total de 121 centros educativos. Este curso, presentou como novidade o modelo compartido de transporte, que na provincia se materializou en 81 rutas escolares compartidas.
Outra das novidades que trae este curso é a extensión do plurilingüismo á Educación Infantil en varios centros lucenses, como na Fundación Educativa Torre de Lemos de Monforte. A ampliación do ensino plurilingüe en Primaria inclúe este curso ao CEIP Monte Baliño de Pantón e o CEIP Eloísa Rivadulla de Chantada. En total, a provincia suma 36 centros plurilingües.
Así mesmo, a Xunta reforzou o uso das novas tecnoloxías en varios colexios, incorporando o libro dixital nos niveis de 5º e 6º de Primaria, como no CEIP Monforte e no CEIP Xoán de Requeixo de Chantada.•
•Lugo ten escolarizados a 855 nenos e nenas nas escolas infantís da Xunta
•Un total de 855 nenos e nenas de 0 a 3 anos comezaron este mes o curso nas escolas infantís lucenses que integran a rede A Galiña Azul, dependente da Consellería de Política Social. Nesta rede están incluídas as dúas escolas de Lugo, outras dúas en Foz, e unha nos concellos de A Fonsagrada, Alfoz, Antas de Ulla, Burela, Chantada, Meira, Mondoñedo, O Valadouro, Pantón, Quiroga, Taboada, Vilalba, Ribadeo e Viveiro, ademais de oito casas niño, os Puntos de Atención á Infancia dos concellos, e as xestionadas por entidades de iniciativa social.
Como novidade, está previsto que durante as vacacións de Nadal e Semana Santa, estea aberta unha escola infantil por localidade, independentemente da demanda que haxa.
Ademais, nos centros xestionados pola Axencia Galega de Servizos Sociais e polo Consorcio de Benestar, poderase solicitar un traslado de centro dentro dun mesmo municipio, por cambio de domicilio ou de lugar de traballo, e fóra dos prazos habituais.•