Música galega de onte e de hoxe na cuarta edición do festival As Cores do Outono

•A Pobra do Brollón será o escenario desta cita, o sábado 30 de setembro, na que se espera recibir a preto de 1.000 visitantes

Presentación do festival As Cores do Outono na área de Samugueiro, coa presenza do alcalde da Pobra do Brollón, José Luis Maceda, o deputado de Turismo, Eduardo Vidal, e membros da corporación local de A Pobra, o pasado 13 de setembro.
GPTL
• Logo do remate de verán, comezan as celebracións do último trimestre do ano. Unha das primeiras citas lúdicas terá lugar na Pobra do Brollón, co festival As Cores do Outono, o sábado 30 de setembro. Este festival, que acada a súa cuarta edición, contará con importantes figuras da música galega tradicional e actual, nun evento que espera atraer a preto de 1.000 persoas.
MASTER CLASS GRATUÍTA DE CANTO E PANDEIRETA
O programa do festival As Cores do Outono deuse a coñecer na presentación realizada na área recreativa de Samugueiros, na capitalidade da Pobra do Brollón, o pasado día 13.
As actividades do festival ocuparán a tarde do sábado 30 de setembro. A xornada iniciará a axenda cunha master class de canto e pandeireta, a cargo de Xurxo Fernandes, na Casa da Cultura dende as catro ata as seis. A actividade, de carácter gratuíto, require inscrición previa, por teléfono no 982 430 546, ou por correo electrónico en biblioteca@pobradobrollon.es.
ESPECTÁCULO CIRCENSE ÁS SETE E MEDIA
A continuación, a festa voltará ás rúas, cunha actuación circense do grupo Os Sete Magníficos máis un Clown, ás sete e media.
TANXUGUEIRAS, GRUPO REVELACIÓN
O festival comezará na Área recreativa de Samugueiros ás nove da noite, presentado pola actriz Isabel Risco. O cartel estará integrado por Tanxugueiras, grupo de tres cantareiras das zonas de Teo e do Barbanza, que está a destacar pola calidade das súas voces e a súa enerxía no escenario, o que as convirte nun dos grupos revelación da música tradicional galega.
RADIO COS EN BROLLÓN
O grupo Radio Cos tamén estará na Pobra do Brollón, ofrecendo a súa particular evolución da música galega tradicional, enriquecida cun gran traballo de investigación etnográfica.
A ACTUACIÓN DE SES PECHA O PROGRAMA
O cartel completarase coa actuación de Ses, cantautora que xa conta con catro discos dende 2011, nos que mistura a música galega con sons de blues, rock e latinos, apuntalados na súa forza e carisma persoal.
DINAMIZACIÓN LOCAL
O acto de presentación do festival contou coa presenza do alcalde, José Luis Maceda, o concelleiro de Cultura, Ricardo Rodicio, membros da corporación local, e o deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde. O representante da Deputación de Lugo lembrou que o organismo provincial é o principal patrocinador, xunto co Concello, deste festival, cunha achega económica de 22.000 euros. Vidal Baamonde xustificou este patrocinio pola «aposta da Deputación por estas iniciativas que contribúen a dinamizar as nosas vilas, como un importante revulsivo económico e turístico na comarca». O deputado lembrou que esta iniciativa apoia a dinamización cultural dos concellos lucenses, con eventos musicais de todos os xéneros e gratuítos, «estimulando e activando a vida dos nosos municipios».
COÑECER O PATRIMONIO NATURAL E CULTURAL DA POBRA DO BROLLÓN
Pola súa banda, o alcalde, José Luis Maceda, agradeceu o apoio da Deputación, e invitou a todos os visitantes a disfrutar na Pobra do Brollón da música galega con tres grupos de referencia no panorama galego, «e ao mesmo tempo coñecer de preto o noso rico patrimonio cultural e natural».•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O FC Quiroga aproveitou os torneos de verán para preparar a tempada

Seguinte Nova

A Ribeira Sacra do Miño, na ollada de Esther Laudo nunha exposición en Chantada

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Chantada contra o cancro

A solidariedade e a conciencia social uníronse en Chantada nunha loita colectiva contra o cancro. No pasado mes de decembro, a directiva
Ir aInicio

Don't Miss