A Deputación inicia os traballos de mellora da estrada de Sober a Doade

•O organismo provincial destina 332.000 euros a acondicionar este vial, un dos que máis tráfico rexistra da Ribeira Sacra •Campos Conde destacou que a Deputación leva investido en Sober máis de 1 millón de euros nun ano

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, acompañou ao presidente da Deputación, Darío Campos Conde, na súa visita ao municipio soberino, o pasado 28 de setembro. GPDL
• A finais de setembro, a Deputación de Lugo deu comezo aos traballos de mellora da estrada LU-P-5903 entre Sober e Doade. Esta obra, “moi esperada polos veciños, e tamén polos centos de turistas que se achegan a esta zona da Ribeira Sacra, sobre todo nas fins de semana”, segundo precisou o presidente provincial, Darío  Campos Conde, conta cun investimento da Deputación de 332.000 euros.
A ESTRADA DE DOADE, UNHA DAS MÁIS TRANSITADAS DA RIBEIRA SACRA
Os arranxos abranguen un tramo de 2,5 quilómetros, e suporán a ampliación do ancho de vía dos 4 aos 5,5 metros, a mellora do firme con aglomerado en quente, e a limpeza das cunetas. Campos Conde, que supervisou o arranque dos traballos acompañado polo alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, destacou a importancia desta obra, xa que a estrada de Doade é unha das máis transitadas da Ribeira Sacra.
ACCESOS A NÚCLEOS DO RURAL
Na súa visita a Sober, Campos Conde lembrou outros investimentos da Deputación neste municipio nun ano. Por unha banda, destináronse 58.000 euros para acondicionar os accesos aos núcleos de Bidual, Pinol de Abaixo, Somoza, Paradela, A Lama, Mourentán, San Martiño, ás viñas de Lobeiras, e de Barantes de Riba a Barantes de Abaixo, que xuntos suman máis de 100 veciños. Por outro lado, o mandatario provincial anunciou que a Deputación vai continuar investindo na mellora do rural en Sober, cunha partida de 40.000 euros para mellorar os accesos a viñedos na zona da ribeira do Sil. Campos Conde precisou que as obras se iniciarán nas vindeiras semanas.
TRAÍDAS E SANEAMENTO CON 250.000 EUROS
No balance de investimentos que o organismo está a realizar nun ano en Sober, Campos Conde incluiu os 250.000 euros aportados para diversas obras nas canalizacións e suministros de auga. Así, en Millán leváronse a cabo arranxos no saneamento que dá servizo ao preto de medio cento de veciños desta área.
Ademais, o mandatario provincial anunciou que, nos vindeiros meses, vanse acometer varias actuacións nunha área que reúne a máis de 170 veciños. Segundo explicou Campos Conde, a construción dunha nova depuradora para Doade e Francos, a mellora do saneamento e depuradora de Vilaudriz, e a rede de abastecemento que sirve aos núcleos de Naz, Naz de Abaixo, Lamos dos Campos e Millán, contarán cunha partida de 214.000 euros.
DOTACIÓNS PÚBLICAS NO RURAL
Na súa visita a Sober, o presidente da Deputación fixo referencia a outra partida de 173.000 euros provinciais neste municipio, para a mellora dos servizos e dotacións públicas. Unha parte deste investimento serviu para financiar as 85 luminarias eficientes na parroquia de Gundivós, que suporán un aforro de máis de 6.000 euros anuais na factura municipal da luz. Outra das actuacións financiadas polo organismo provincial foi a recuperación dun local municipal para uso como albergue, que estará en servizo o vindeiro ano. Así mesmo, custeáronse con cargo a esta partida da Deputación os arranxos no Edificio Sociocultural para eliminar humidades, ademais de dotar ás instalacións dunha nova aula de informática e tecnoloxía. Campos Conde destacou tamén a sinalización instalada en varias aldeas e lugares do rural soberino, entre outras actuacións.
EMPREGO, SERVIZOS SOCIAIS E APOIO Á CULTURA E O TURISMO
A través dos programas DepuEmprego e Ben Empregado, o organismo provincial destinou 134.000 euros para financiar os gastos laborais de 17 novos postos de traballo.
Na atención aos maiores, a Deputación financiou con 58.000 euros a creación de 123 prazas nun ano do Servizo a Domicilio para non dependentes e da Teleasistencia gratuíta.
Ademais, o organismo provincial aportou 12.000 euros para apoiar actividades lúdico-culturais ou eventos de promoción turística.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Quiroga lidera a cuarta edición do obradoiro de emprego Sillor

Seguinte Nova

Piden o desvío da A-76 pola Gudiña para preservar o entorno de Montefurado

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: