A Ribeira Sacra, máis cerca de ser Ben de Interese Cultural paisaxístico

•A Xunta iniciou a tramitación para que a zona sexa declarada BIC a finais de 2018 •É un paso indispensable para a candidatura a Patrimonio da Humanidade

A declaración BIC basearase nos tres valores que reúne a Ribeira Sacra: valores naturais, culturais e mixtos, resultado da interacción do home coa natureza. Arquivo EC
• A Ribeira Sacra poderá ser Ben de Interese Cultural dentro dun ano. Este son os prazos aproximados que manexan na Xunta de Galicia, organismo con competencias na materia, nun proceso que se iniciará neste mes de decembro e que, logo das tramitacións pertinentes, culminará coa aprobación da declaración BIC na categoría de Paisaxe Cultural para este territorio.
RASGOS DEFINITORIOS DA RIBEIRA SACRA
O anuncio deste novo paso na posta en valor da Ribeira Sacra fíxoo o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, celebrado o 21 de setembro. Na súa intervención, o mandatario autonómico referiuse aos valores que reúne a Ribeira Sacra para poder ser declarada Ben de Interese Cultural. Por unha banda, o territorio amosa valores naturais derivados da climatoloxía, a xeomorfoloxía e o ecosistema terrestre e acuático. Por outra, a Ribeira Sacra atesora valores culturais, nos que se misturan elementos relixiosos e seculares, así como etnolóxicos e toponímicos. Por último, esta zona amosa valores de índole mixta, froito da interacción da poboación coa natureza.
O presidente da Xunta resaltou a xeomorfoloxía dos canóns do Miño e o Sil como elemento representativo dos valores naturais, así como os diversos BIC e elementos do patrimonio monumental que se localizan neste territorio e que lle outorgan os seus valores culturais. Así mesmo, a estructuración dos terreos en socalcos, tan característicos da zona, configuran un dos principais valores mixtos da Ribeira Sacra, precisou o mandatario autonómico.
O BIC, EN DATOS
A delimitación BIC Ribeira Sacra englobará territorios dos concellos de A Peroxa, A Pobra de Trives, A Pobra do Brollón, A Teixeira, Carballedo, Castro Caldelas, Chantada, Esgos, Monforte de Lemos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, O Saviñao, Pantón, Parada de Sil, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober, Taboada e Xunqueira de Espadanedo. Isto supón máis de 17.300 hectáreas, 306 quilómetros, 21 concellos, 86 parroquias e 171 núcleos de poboación.
Os límites do ámbito de protección BIC serán, ao norte, o canón do Miño, dende a presa de Belesar e as parroquias de Rebordaos, no Saviñao, e de Pesqueiras, en Chantada. Ao sueste, será o canón do Sil, polas parroquias de Vilachá, na Pobra do Brollón, e de Torbeo, en Ribas de Sil. No resto, o límite será a bocarribeira, termo formalizado por Ramón Otero Pedrayo para denominar a pendente que baixa dende o cumio dunha montaña ata o río.
PROTECCIÓN ESPECIAL EN VARIOS GRAOS
A categoría de BIC outorga ao territorio unha protección especial, co fin de preservar os valores recoñecidos como singulares da Ribeira Sacra. Coa declaración como Ben de Interese Cultural, será preciso obter unha autorización da Dirección Xeral de Patrimonio para levar a cabo actuacións nos bens singulares que teñan a categoría BIC, así como as novas construcións, as rehabilitacións integrais e as accións que alteren de xeito importante a paisaxe.
Tamén será precisa a autorización da Xunta para actuar nos 17 bens considerados exoámbitos deste BIC, como o casco antigo de Monforte ou o poboado de Montefurado. Ademais, establécese unha área de amortecemento como marxe de seguridade, de cara a preservar o territorio de accións exteriores, como é o caso das grandes infraestruturas. Non será precisa autorización para realizar calquer tipo de actividade agrícola ou vitícola na área protexida.•

•Reunión informativa do Conselleiro de Cultura cos representantes das institucións vinculadas á Ribeira Sacra

Imaxe da xuntanza celebrada en Santiago de Compostela. GPXG

O titular de Cultura, Román Rodríguez, na reunión mantida o 29 de setembro cos responsables das Deputacións de Lugo e Ourense, dos concellos da Ribeira Sacra, do Consello Regulador, Consorcio de Turismo e INORDE, informou das características dos trámites e os aspectos técnicos da declaración BIC.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Preto de 600.000 euros de investimento provincial en Bóveda nun ano

Seguinte Nova

Balance dos investimentos provinciais no municipio de Samos

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: