Balance dos investimentos provinciais no municipio de Samos

•Dotacións públicas, servizos sociais, emprego e dinamización cultural foron os principais eixos, aos que a Deputación destinou 675.000 euros nun ano

O presidente da Deputación conversou con usuarios dos servizos de atención a maiores financiados polo organismo provincial en Samos. GPDL
• A finais do mes pasado, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, fixo balance dos 675.000 euros investidos nun ano por este organismo no municipio de Samos.
As partidas foron destinadas a infraestruturas, servizos sociais e fomento do emprego, entre outras actuacións. Na súa visita a Samos, o mandatario provincial, acompañado polo alcalde, Julio Gallego Moure, supervisou diversas actuacións e visitou a usuarios dos servizos sociais que financia a Deputación.
SERVIZOS SOCIAIS QUE ATENDEN A 37 MAIORES
O organismo provincial aportou 70.000 euros para as vivendas comunitarias e pisos tutelados nos que se atende a 17 maiores, cunha plantilla de media ducia de profesionais. As instalacións, estruturadas en 5 pisos, contan con cociña, zonas comúns para os usuarios, estancias de servizos como lavandería e oficinas, e as habitacións con baño para os usuarios. «Dende o Goberno provincial asumimos este servizo social en Samos, aínda que as competencias son da Xunta de Galicia», lembrou Campos Conde.
Ademais, a Deputación financia en Samos o Servizo de Axuda a Domicilio para non dependentes e a Teleasistencia gratuíta, cunha partida de 28.000 euros para xerar 45 prazas. Na actualidade, hai 20 usuarios destes servizos, aínda que se ofrecen máis de 1.000 horas de atención, á espera de posibles altas, segundo precisaron os responsables provinciais.

 

Campos Conde supervisou as obras de mellora en varios accesos, acompañado do alcalde de Samos, Julio Gallego Moure, a finais de setembro. GPDL
317.000 EUROS PARA FINANCIAR DOTACIÓNS
En canto aos investimentos en materia de dotacións, a Deputación destinou un total de 317.000 euros nun ano a diversas obras no municipio de Samos. Así, financiáronse con 48.000 euros os arranxos no firme con formigón e zahorra nos camiños de Sivil, Montán, Lourido, Lousada, Castroncán e Frollais, núcleos nos que viven máis de 100 veciños.
Ademais, destináronse outros 22.000 euros para reconstruír un muro de contención de mampostería no camiño de Chelo.
As actuacións van proseguir, xa que o organismo provincial está a contratar os traballos para o acondicionamento dos camiños en Aián, Outonín, Nande, Estraxiz, de Estraxiz á Furela e de Guisalle á Igrexa de Suñide, nunha zona que suma máis de 100 veciños. Estas obras vanse financiar con 146.000 euros da Deputación.
Nesta liña de mellora das infraestruturas no rural, o presidente do organismo provincial anunciou en Samos o inicio nestas datas de máis actuacións, que contan cunha partida total de 101.000 euros. Os traballos servirán para acondicionar os accesos aos núcleos de Portela, Nande, Carqueixeda, Lamas, Santa Mariña, Teivelle e Santalla de Abaixo, Manxar e Toca, coa particularidade de que estes viais son os máis utilizados polo conxunto dos habitantes do municipio.
ARRANXO DE 1,4 QUILÓMETROS NA LU-P-5601
Outra das obras que se están a iniciar en Samos con financiación provincial ten que ver coa mellora dun vial da rede de estradas dependente da Deputación. Segundo apuntou Campos Conde, este organismo vai achegar 90.000 euros para arranxar 1,4 quilómetros da estrada LU-P-5601, aplicando aglomerado en quente, ademais de limpar a vexetación das cunetas e restaurar a sinalización horizontal e vertical. O presidente da Deputación destacou a importancia de manter en boas condicións este vial, xa que funciona como vía de comunicación co núcleo de Freixe, no que viven máis de medio cento de veciños.
As melloras en dotacións públicas custeadas polo organismo provincial inclúen este ano a reparación do depósito de auga na parroquia de Zoo, na que viven 30 veciños, cunha partida de 19.000 euros.
MÁIS PARTIDAS PARA A EFICIENCIA ENERXÉTICA E NOVAS TECNOLOXÍAS
Entre as partidas destinadas pola Deputación a melloras en Samos, inclúense os 45.000 euros para instalar un total de 74 puntos de luz enerxeticamente eficientes nas parroquias de Aián e Castrocán, que reúnen a máis de 80 veciños. Segundo precisou o mandatario provincial, esta medida vai supoñer un aforro anual ao Concello de máis de 1.000 euros na factura da luz.
Outra das iniciativas custeadas polo organismo provincial ten que ver coas novas tecnoloxías. Este ano, a Deputación achegou a Samos 3.800 euros para adquirir equipos informáticos con destino á Biblioteca Pública Municipal e á Asociación de Comerciantes e Artesáns.
MÁIS DE 100.000 EUROS NUN ANO PARA IMPULSO DO EMPREGO
Un dos eixos dos investimentos da Deputación nos concellos lucenses ten que ver co fomento do emprego. Nesta liña, o organismo provincial vén de investir 105.000 euros no programa DepuEmprego para custear os gastos laborais de 5 novos traballadores, para desenvolver tarefas en empresas da zona e no propio Concello de Samos.
A dinamización cultural e turística no municipio contou cunha achega de 22.000 euros da Deputación, para organizar varias feiras, cursos de natación, ou contratar un guía no Mosteiro de Samos, entre outras iniciativas.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Ribeira Sacra, máis cerca de ser Ben de Interese Cultural paisaxístico

Seguinte Nova

17 axentes de viaxe visitaron a Ribeira Sacra da man do Consorcio de Turismo

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: